Andaina 2019: “Camiñando entre regatos e muíños esquecidos”

Facebooktwittergoogle_plusmail

O ciclo de Andainas “Coñece a Costa da Morte” comezará o vindeiro sábado, 30 de marzo, coa andaina do Concello de Cee que leva por nome “Camiñando entre regatos e muíños esquecidos”. O prazo de inscrición rematará o xoves, 28 de marzo.

DATOS XERAIS DA ANDAINA

• Andaina circular.

• Dificultade moderada.

• Punto de saída e chegada: Praza 8 de Marzo de Cee, ubicada a carón da Casa do Concello de Cee (fronte o Centro Comercial Finis Terrae).

• Percorrido de 12 km. que se completará aproximadamente en 3 horas (coa parada para o avituallamento incluída, que se fará na Praia de Estorde).

AVISO IMPORTANTE A TER EN CONTA PARA FACER ESTA ANDAINA

Para realizar esta andaina é preciso contar con roupa e calzado adecuado. Aquelas persoas que conten con bastóns recomendámoslles que os leven, posto que hai tramos con certa dificultade.

DESCRICIÓN E CONTEXTUALIZACIÓN HISTÓRICA

Camiñando entre regatos e muíños esquecidos

O Concello de Cee, a través do Servizo de Deportes Municipal, propónnos neste ano 2019 unha andaina chea de natureza por camiños pouco transitados. A mesma, de carácter circular, con saída e chegada na Praza do 8 de marzo discorrerá en boa parte dos máis de 12 quilómetros de percorrido pola parroquia de San Adrián de Toba que, ademáis de proporcionarnos fermosas vistas, como as do oceáno Atlántico co promontorio fisterrán ó fondo, garda numerosos exemplos de valor arquitectónico, histórico, relixioso ou cultural.

Tras saír da Praza do 8 de marzo dirixirémonos cara a rúa da Escola e tras pasar o pavillón municipal de Cee os nosos pasos seguirán cara o norte, pasando polos lugares de Escabanas, Pallares e Lagarteira. Neste primeiro tramo pasaremos a carón dunha serie de muíños dos que só quedan algunhas pedras derruidas pero que nos lembran que noutros tempos foron moi importantes para as economías dos labradores da zona (moitos destes muíños incluso levaban o apelido dos seus propietarios). Da súa importancia na mesma dan fe os restos dos 16 muiños que se construiron entre os lugares de Escabanas e Vilar de Toba. Xa no alto de Vilar, despois de preto dun quilómetro de camiñar por pistas asfaltadas, voltaremos aos antigos e agora case que abandonados camiños que nos levarán a Toba de Arriba e Guimareu para chegar finalmente á praia de Estorde, lugar escollido nesta ocasión como punto de av

ituallamento, despois de percorrer sete quilómetros desde o noso punto de saída.

Despois de deixar esta praia, a máis concurrida do concello na época do verán, subiremos cara o lugar de Estorde onde se conserva na súa parte máis elevada a antiga escola promovida hai preto de noventa anos polos antigos emigrantes da comarca na Arxentina. Trátase dun edificio dunha soa planta, de forma rectangular, cun anexo na zona

posterior de forma prismática. A cuberta, de tella a dúas augas, xera un faiado. A escola foi construída en pedra, sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo. Caracterízase pola sinxeleza arquitectónica e a simetría dos seus elementos. A fachada principal conta cunha porta principal, no centro, precedida dunha pequena escalinata de chanzos cuadrangulares, de tiro e tramos únicos. A cada beira había dúas fiestras. Emprégase a cantaría nos marcos dos vans do edificio e nos esquinais como único elemento decorativo. Enriba da porta colocouse unha placa orixinal conmemorando a

súa inauguración no ano 1931 na que se pode ler «Escuela Marcial González, nº 4 de la “ABC del partido de Corcubión” de Buenos Aires». O seu nome é un homenaxe a un directivo desta sociedade, natural da parroquia e que foi un dos principais promotores na elección do lugar de edificación. El mesmo fixo unha doazón económica e da madeira necesaria para a construción; nas obras tamén axudaron os veciños da parroquia co seu traballo e co carrexo da pedra e doutros materiais. Dende a sociedade promotora priorizaron as condicións hixiénicas e pedagóxicas sobre as arquitectónicas. As catro escolas edificadas pola ABC son moi semellantes, pois empréganse os mesmos planos arquite

ctónicos enviados dende Bos Aires. A escola contaba cunha soa aula, para os nenos e nenas da parroquia, situada nun dos laterais; no outro lateral estaba a vivenda do mestre/a. O centro escolar funcionou como tal ata os anos 80, cando a falta de alumnos provocou o seu peche. En 2006, o concello de Cee promoveu a súa rehabilitación e a do seu recinto.

Desde aquí e

tras pasar de novo por Guimareu emprenderemos o camiño de volta cara a Toba de Abaixo e baixando por unha ladeira do monte do Son, entraremos finalmente no núcleo urbano ceense polas rúas Lugo e Estatuto de Autonomía de Galicia ata rematar na Praza da Muller ou do 8 de marzo, lugar de partida desta andaina.

Víctor Manuel Castiñeira Castro – Técnico de Xestión Cultural do Concello de Cee

ORTOFOTO

Consultar o track da andaina neste enlace:

https://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id= 34042667

MAPA 1:250000

PERFIL

INFORMACIÓN PARA OS AUTOBUSES

PUNTO DE SAÍDA E CHEGADA. Os autobuses deberán deixar aos participantes ás 9:45 horas na Praza 8 de Marzo de Cee, que está situada a carón da Casa do Concello de Cee (fronte o Centro Comercial Finis Terrae)

 

ZONA DE APARCAMENTO PARA OS AUTOBUSES

Os autobuses poderán aparcar na Estación de Autobuses de Cee, ou ben no Paseo do Alcalde D. Pepe Sánchez de Cee.

Se algunha persoa está interesada en ter o track da andaina en formato GPX ou TRK só terá que solicitalo no correo-e deportes@cee.gal

Deixa un comentario