Andaina Concello de Cee: “Da Xunqueira a San Estevo: tralas pegadas dos nosos ancestros”

Facebooktwittergoogle_plusmail

O vindeiro sábado, 8 de abril, terá lugar a andaina popular do Concello de Cee que se enmarca dentro do ciclo “Andainas Coñece a Costa da Morte”. Será unha andaina lineal que leva por nome “Da Xunqueira a Santo Estevo: tralas pegadas dos nosos ancestros”; e que sairá ás 10h do Paseo do Alcalde Don Pepe Sánchez e chegará ata Lires. O percorrido é de 10´64 quilómetros e tardarase aproximadamente 3h. Acompáñanos!

DATOS XERAIS DA ANDAINA

Andaina lineal.

  • Punto de saída: Paseo do Alcalde Don Pepe Sánchez (á altura das casetas) ás 10:00 horas. (Os buses deberán chegar arredor das 9:45 horas á zona indicada).
  • Punto de chegada: campo da festa de Lires.
  • Percorrido de 10,64 quilómetros que se completará aproximadamente en 3 horas (coa parada para o abastecemento incluída,que se fará no Cruceiro de Cantorna).

DESCRICIÓN E CONTEXTUALIZACIÓN HISTÓRICA

A ruta ceense das Andainas 2017, con saída no Paseo Marítimo de Cee e chegada en Lires, discorre na súa primeira parte do seu percorrido polo antigo Camiño Real que desde Fisterra se dirixía á cidade da Coruña. Sairemos da zona central dos xardíns do Paseo Marítimo, preto de onde estaba a antiga xunqueira, onde a lenda sitúa a aparición da imaxe da Virxe que deu lugar na Baixa Idade Media á construción da igrexa de Santa María de Junqueiras, a cal aparece mencionada no Liber Tenencie de Horro redactado polo cóengo compostelán Gonzalvo Vázquez de Mandayo no ano 1438.

Esta igrexa estivo directamente vinculada á de Santo Estevo de Lires, xa que esta última foi anexo da parroquia da Xunqueira durante máis de catrocentos anos en virtude do poder do arcediago de Trástamara, señor da vila ceense con potestade para nomear párroco e cobrar as rendas procedentes dos seus igrexarios, entre outras moitas atribucións. Esta relación entre as dúas parroquias fixo que os nosos antepasados tivesen que facer en numerosas ocasións o mesmo camiño que percorreremos nós, sendo a máis famosa a ocasión nas que varias mozas levaron en cestos ata Lires unha parte importante dos libros parroquiais de Cee no mes de abril de 1809, cando tivo lugar a invasión napoleónica na nosa comarca. Grazas a isto, estes libros salváronse da queima e podemos contar con moitos máis datos da nosa historia.

Despois de pasar polos lugares do Son e a Granxa, dirixirémonos cara a zona na que se atopa o conxunto etnográfico dos muíños de Toba, que traballaban coa auga do rego das Laxes. Datan da época moderna e a súa importancia na economía do mundo rural era moi grande, xa que esta se asentaba na explotación da terra e do gando. A chegada do millo á nosa comarca, cara 1630-40, xunto cun longo ciclo climático positivo para os cultivos, tivo como consecuencia un aumento considerable da poboación e relacionado con este, a posta en cultivo de novas terras, tal e como se deduce polas escrituras de foros. Nunha economía de subsistencia, onde o pan era o alimento básico, os muíños xogaron un papel fundamental. O que unha soa persoa tivese muíño propio era un auténtico luxo ao alcance duns poucos privilexiados (muíños de maquía), polo que o normal era que pertencese a varios labradores (muíño de herdeiros) que se alternaban por horas para usalo. Finalmente, hai que salientar que o muíño foi un lugar de encontro para as relacións entre os veciños dunha comunidade (muiñadas). Hoxe en día, as modificacións e cambios sufridos pola economía tradicional e a substitución destes muíños polos eléctricos, levou ao abandono e desaparición dun elemento fundamental na Galicia rural ao longo de moitos séculos. Da importancia que tiveron os muíños na vida cotiá, o noso folclore deixounos multitude de exemplos en forma de cantigas:

Unha noite no muíño,

unha noite non é nada

unha semaniña enteira,

esa si que é muiñada.

Deus cho pague churrusqueira,

téñocho que agradecer,

cando vou ao teu muíño

sempre me deixas moer.

Tras deixar á nosa esquerda este conxunto de muíños e a igrexa de San Adrián de Toba, tomaremos camiño cara ao lugar de Vilar. Da igrexa de Toba podemos comentar que é un templo orixinariamente románico construído no s. XII, do que na actualidade só conserva deste estilo arquitectónico o presbiterio e o arco triunfal de entrada que ten unha decoración que lembra á maneira de traballar do taller de Platerías da Catedral de Santiago. Tanto a nave como as capelas do Cristo e Nosa Señora do Rosario son resultado de reformas posteriores xa nos séculos da Idade Moderna. Conta con nave de planta de cruz latina e cuberta a dúas augas. A fachada, na que sobresae a torre campanario, ten unha porta de luz rectangular, unha fiestra e está rematada por un acroterio cruciforme. Xa en Vilar, lembrarvos que este lugar foi atacado tamén polas tropas napoleónicas que nestes camiños deixarían o seu rastro de terror con varios veciños mortos incluíndo tamén ao cura párroco de San Adrián. Tamén, como curiosidade, comentarvos que este lugar chamouse orixinariamente Vilar de Armental. Así aparece no testamento feito no ano 1262, á morte de D. Juan Mariño, soldado pertencente á unha das familias nobiliares máis importantes nas terras de Soneira e Nemancos. Nel hai unha doazón de varios lugares ó mosteiro de Moraime co obxecto de que o seu corpo fose enterrado na súa igrexa, lugar sobranceiro na época medieval e co que tanto a familia dos Mariño, primeiro, como a dos Traba, despois, tiveron unha especial relación, aínda que esta non fose sempre do agrado dos monxes. Os nosos pasos diríxense cara ás ruínas da Casa do Camiño, emblemática casa de labranza que pertenceu na Idade Moderna ao arcediago de Santa Tasia e posteriormente á familia dun dos veciños máis poderosos de Cee, D. Juan Bautista de las Riberas para pasar por herdanza ao Marquesado de Villaverde de Limia. Despois de Bedán e Chafarís, dirixímonos cara ao lugar de Bermún, famoso pola súa antiga feira e tamén por ser escollido para formar ás milicias de campesiños que debían defender as vilas de Cee e Corcubión das tropas francesas en 1809. Pasaremos moi preto da igrexa de Pereiriña, do século XVI pero reformada nos séculos XVIII e XIX. Situada nun promontorio natural que domina o val, esta igrexa ten unha planta de cruz latina cunha capela maior de planta cadrada e unha gran nave. O retablo maior, neoclásico, está formado por tres panos verticais; o central, de máis anchura, presenta un expositor coa imaxe do santo titular, San Xián. As capelas da nave do cruceiro son no lado sur a dedicada ó Santo Cristo e a do lado norte a San Antonio.

No exterior, destaca a presenza de contrafortes na esquina do muro testeiro. A fachada segue un esquema pentagonal e está construída con grandes perpiaños graníticos. A porta, alintelada e de luz vertical, está flanqueada por dúas enormes pilastras que soportan un friso decorado con acroterios rematados en bóla, sendo notable o influxo das grandes construcións compostelás. A torre de estilo ecléctico, do século XIX, coroa esta fachada. Un pouco antes de chegar á igrexa, afrontaremos a última parte da nosa ruta, desviándonos cara o cruceiro de Cantorna, do século XVII, cun pedestal cuadrangular dedicado á Paixón de Cristo e no que atopamos os símbolos da morte: caveiras e tibias. Na cruz temos a Cristo crucificado con tres cravos e a cabeza ergueita. No reverso da cruz, podemos contemplar unha imaxe da Inmaculada coroada sobre unha peana sostida por un anxo.

Desde aquí, e tras pasar o lugar de Pereira, iremos abandonando as terras de Pereiriña para entrar nas de Lires. Pasaremos polo lugar de Porcar para continuar xa en contínua baixada cara ao lugar de Lires, no que entraremos pola antiga escola unitaria para rematar no campo Riba das Eiras, lugar de celebración para os veciños onde este ano remata esta ruta.

Desde aquí, podemos baixar polas estreitas rúas cara á desembocadura do río Castro para contemplar a beleza da ría e o océano Atlántico e, por suposto, dedicarlle uns minutos á igrexa de Santo Estevo que conta cunha soa nave e unha capela maior que se cobre con bóveda de canón. Este templo contaba con dúas entradas, unha no muro sur e outra na fachada que é a que se conserva actualmente. Seguindo o esquema compositivo máis habitual, a fachada está dominada por un eixo vertical no que se superpoñen a porta principal, a fiestra e a espadana. Todo o conxunto remata nun frontón partido con aleiros e acroterios típicos do estilo barroco. Do interior do templo salientamos a imaxe de Santo Estevo de gran frontalidade e planitude, que representa ao santo coa palma do martirio nunha man e o libro dos Evanxeos na outra, realizada por un artista afeito a traballar relevos, seguindo o estilo neoclásico. 

Víctor Manuel Castiñeira Castro

Historiador y Técnico de Cultura del Ayuntamiento de Cee

ORTOFOTO

Consultar el track de la caminata en este enlace:

https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=16458732

 

MAPA 1:250000

PERFIL

 

INFORMACIÓN PARA LOS AUTOBUSES

PUNTO DE SALIDA: os autobuses deberán deixar aos participantes no Paseo do Alcalde Don Pepe Sánchez.

PUNTO DE CHEGADA: os buses deberán recoller aos participantes no campo da fiesta de Lires, á altura da Pensión Rural As Eiras.

 

Se algunha persoa está interesada en ter o track da andaina en formato .GPX ou .TRK so terá que poñerse en contacto no correo-e deportes@concellocee.es

 

 

 

Deixa un comentario