Andaina Concello de Cee: “Polos camiños de Ameixenda: onde se funden as pedras co mar”

O vindeiro sábado, 14 de abril, terá lugar a andaina popular do Concello de Cee que se enmarca dentro do ciclo “Andainas Coñece a Costa da Morte”. Será unha andaina circular que leva por nome “Polos camiños de Ameixenda: onde se funden as pedras co mar”; o punto de saída e chegada estará na entrada á parroquia de Ameixenda (dirección a Muros) punto kilométro 4 da AC-550 “Porta do Canizo” . Os buses deberán chegar arredor das 9:45 horas á zona indicada. O percorrido de 13 km se completará aproximadamente en 4 horas (coa
parada para o avituallamento incluída que se fará na Praia de Caneliñas).  Acompáñanos!

AVISO IMPORTANTE

Para realizar esta andaina é preciso contar con calzado adecuado (resistente á auga e para andar sobre rochas). Aquelas persoas que conten con bastóns recomendámoslles que os leven, posto que hai
tramos con certa dificultade.

DESCRICIÓN E CONTEXTUALIZACIÓN HISTÓRICA

“Polos camiños de Ameixenda: onde se funden as pedras co mar”

O Servizo Municipal de Deportes do Concello de Cee propónnos neste ano 2018 unha andaina chea de historia e fermosura ó mesmo tempo. A mesma discorrerá na súa totalidade pola parroquia de Santiago de Ameixenda que, ademáis das marabillosas  imaxes de postal que poderemos contemplar desde diferentes lugares do noso
percorrido, garda numerosos exemplos de valor arquitectónico, histórico, relixioso, cultural e ata antropolóxico.

O punto de partida será a zona da antiga portela do Caniso, lugar no que según A lenda de Santiago de Ameixenda se agocharon os mouros que viñan de Fisterra fuxindo do apóstolo Santiago despois de deixar as súas barcas na ribeira próxima. Precisamente cara ela dirixiremos os nosos primeiros pasos para achegarnos sucesivamente ata as proximidades da praia das leiriñas e ó Caniso no que veciños de Ameixenda gardan as súas chalanas e aparellos de pesca. Desde aquí iremos subindo cara a actual estrada AC550 para deixar á nosa dereita o Castelo do Príncipe. A súa primeira pedra foi colocada un 4 de xuño de 1740 polo enxeñeiro militar Carlos Voysin, tan só par de meses despois do apresamento polos ingleses do navío español La Princesa moi preto do Cabo Fisterra e debemos situala nun contexto de fortificación de diferentes lugares da costa por parte da monarquía borbónica e que na noza zona incluiría ó Castelo do Cardeal na outra beira da ría e con posterioridade as fortificacións de San Carlos en Fisterra e o Soberano en  Camariñas.

O Castelo do Príncipe sería rematado finalmente no ano 1755 por obra doutro enxeñeiro  francés, Carlos Lemaur, algo moi habitual durante os reinados dos primeiros borbóns. Lemaur, que estudiara na Real Escola de Matemáticas de Paris deixou numerosas obras por todo o territorio peninsular non só militares senón tamén no ámbito civil, algunhas de gran relevancia como a apertura do Camiño Real entre Galicia e León a través de Manzanal, así como o descubrimento e posta en marcha da minería do ferro e o carbón no Bierzo ou o proxecto inconcluso da canle de Guadarrama que pretendía unir a capital Madrid co océano atlántico. En Galicia, ademáis das baterías defensivas en diferentes lugares hai que salientar no ámbito civil o pazo de Raxoi, mandado construir polo arcebispo compostelán en 1766 na Praza do Obradoiro. O castelo, catalogado como Ben de Interese Cultural desde o ano 1994,está a ser na actualidade obxecto dunha campaña promovida por varios veciños desde a Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe para que poida ser visitado por quen o desexe dacordo coas leis que rixen este tipo de bens, algo que de momento non é posible.

A andaina dirixe os seus pasos cara o alto da Peneda desde o que podemos contemplar unhas fermosas vistas da entrada da ría e do cabo Fisterra. Este monte garda aínda historias de fuxidos debido á guerra civil. Aproveitando algúns dos seus penedos, con enormes ocos, a modo de cabanas, houbo algúns veciños que os empregaron para
agocharse no paraxe coñecido como a Devesa do Rei, abrigado das borrascas do sur,amplias vistas á ría de Corcubión, unha fonte próxima no prado de Farruca e o máis importante: control dos movimentos dos vehículos e persoas, principalmente a Garda Civil pola estrada de Cee-O Ézaro.

Baixando de novo cara ó mar pasaremos preto da Punta Galera, lugar no que tiveron lugar diferentes naufraxios, algúns en tempos non tan lonxanos… Desde aquí xa estamos moi preto de Caneliñas, lugar onde en 1923 se inauguraría a factoría baleeira que perviviría, aínda que con algún parón, ata o ano 1985, sendo a última das existentes na península ibérica en cesar na súa actividade debido ás restricións á pesca de cetáceos imposta polas autoridades internacionais. Hoxe só quedan as ruínas do que foi a primeira factoría industrial para o procesamento
de baleas chegando a contar con máis dun cento de traballadores, sendo boa parte deles mulleres, que se encargaban de cortar e seleccionar a súa carne baixo a estricta supervisión de técnicos xaponeses, sendo tamén o país nipón o destino principal da súa carne.

Despois de deixar Caneliñas, tomaremos dirección cara a praia de Gures, unha das máis apreciadas polos mozos polo recollido da mesma ó abrigo dos ventos do nordés, tan molestos na época do verán cando soplan con intensidade.
Subiremos desde aqui cara o lugar de Gures e tras atravesalo chegaremos preto da fonte e capela das Doloriñas ou a Santiña de Gures. Había, a finais do século XVIII no centro deste lugar, un cruceiro que no reverso da cruz tiña unha imaxe da Virxe das Dores. Parece ser que durante a época da República o cruceiro apareceu derribado e un ferreiro, veciño de Cee, levou a imaxe, que estaba tirada no chan, para ornamentar a súa horta. Pero ó pouco tempo, o muro da súa horta véuse abaixo e temeroso de que fose un castigo divino acaba devolvendo a figura o seu sitio colocándoa nunha furna de pedra. Os veciños de Gures empezaron entón a venerala e no ano 1950 cambiaron a súa ubicación para poñela ó lado da fonte e comenzaron a facerlle unha misa anual no mes de xuño e poucos anos despois decidiron construirlle unha capela. Co ensanche da estrada AC-550 tivo que ser tirada e fixose outra un pouco máis arriba, presidida por unha imaxe da Virxe das Dores traída da igrexa parroquial de Ameixenda.

Despois de varios quilómetros de monte chegaremos de novo ó lugar da Igrexa en Ameixenda e tras pasar a antiga escola, e o campo do Sacramento, presidido por un cruceiro doado na segunda metade do século XVIII polo daquela cura da parroquia, D.Juan Antonio Mayán, achegarémonos á igrexa de Santiago de Ameixenda, reformada tamén na segunda metade do século XVIII e na que se custodia unha reliquia dun dos dedos do apostólo Santiago e que conta cun Santiago peregrino tallado en pedra na súa fachada e cunha imaxe do Santiago matamoros no seu interior. Tras pasar o rego Fumes do Cal, que divide os lugares de A Igrexa e Lamas, ademáis de contar cunha serie de muiños ó longo don seu curso, recomendándovos que nos perdades a ocasión de visitalos noutra xornada, dirixímonos xa cara o remate da nosa andaina.

Xa no lugar de Lamas, que debe o seu nome ós Lamas e Sotomayor, administradores dos bens dos Condes de Altamira na nosa zona, chegaremos ó petón do campo, lugar no que según a lenda de Santiago de Ameixenda, tivo lugar a última batalla entre os mouros e Santiago, saíndo victorioso este último, sendo esta a razón de que as autoridades eclesiásticas composteláns lle concederan o privilexio a esta parroquia de albergar a reliquia dun dos dedos do apóstolo. Desde aquí e seguindo polo camiñiño francés dirixiremos os nosos pasos de regreso á portela do Caniso, lugar de partida desta andaina.

Víctor Manuel Castiñeira Castro
Técnico de Xestión Cultural – Concello de Cee

 

ORTOFOTO

Consultar o track da andaina neste enlace:
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/polos-caminos-de-ameixenda-onde-sefunden-as-pedras-co-mar-23425686

MAPA 1:250000

PERFIL

INFORMACIÓN PARA AUTOBUSES

PUNTO DE SAÍDA E CHEGADA: os autobuses deberán deixar aos participantes á altura do 4 km da AC-552 na entrada á parroquia de Ameixenda “Portela do Canizo”.

 

ZONA DE APARCAMENTO PARA AUTOBUSES

 

Máis información en deportes@cee.gal ou no departamento de Deportes do Concello de Cee, 2º andar.

Deixa un comentario

TurismoCee