Cee participará no programa CONVIVE.COMigo da asociación ARELA e a Xunta de Galicia

O Concello de Cee participará no programa CONVIVE.COMigo que busca familias de acollida para adolescentes con medidas xudiciais.

A Concelleira de Presidencia, Benestar Social, Emprego e Igualdade xunto ao equipo de Servizos Sociais do Concello de Cee, ven de reunirse coa representante da asociación ARELA para poñer en marcha na vila o programa CONVIVE. COMigo, que busca a captación de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial de convivencia nas provincias da Coruña e Pontevedra.

O Concello de Cee comprométeuse a participar xunto coa asociación ARELA e a Xunta de Galicia para levar a cabo o Programa CONVIVE.COMigo que se desenvolve nas provincias de Pontevedra e A Coruña, coa finalidade de conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2018, ARELA está a buscar os apoios dos diferentes concellos galegos destas provincias de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios de ambas provincias e Cee, dende o departamento de Servizos Sociais, mostrouse disposto a prestar a súa axuda.

A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Se estás interesado…

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, disponer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade… Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico .

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.

Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org

*ARELA (www.arela.org)  é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.

Deixa un comentario

TurismoCee