Patrimonio etnográfico

Restos da cultura megalítica

Históricamente, Cee conta con vestixios da existencia de poboamento desde moi antigo. Temos restos de cultura megalítica (ca. 4500-2000 a.C) como as mámoas do Alto de San Pedro Mártir (A Pereiriña) e as Pedras Negras (Bermún- A Pereiriña). O pobo prerromano que habitou esta comarca foi o dos Nerios, os cales desenvolveron a súa cultura dentro do mundo castrexo antes e despois da chegada dos romanos. Pegadas da súa existencia son os castros (poboados defendidos por medio de murallas e fosos) do Monte do Son (Cee), Monte do Castro (Lires), Os Castros (Bermún- A Pereiriña) e Os Castros (Vilar de Toba).

Restos de arquitectura medieval

Na Idade Media, Cee aparece cara ao século XII como unha pequena vila dedicada só aos labores da terra que comezou a medrar pola presenza do arcediago de Trastámara que construiu aquí a súa residencia señorial. Pouco a pouco, comezou a abrise cara o mar, facendo del un ben económico. Restos da arquitectura medieval podemos observalos na igrexa de Toba (románico), do século XII, e tamén na igrexa de Cee que segue conservando restos de arquitectura gótica do século XV na parte da capela maior.

Igrexa de San Adrián de Toba, s. XII

Arquitectura moderna

Aínda hoxe se pode ver como Cee se foi configurando pouco a pouco como un núcleo de poboación importante que vai medrando pola súa vinculación co poder eclesiástico e pola riqueza que ofrece o mar. Paseando polo casco antigo, podemos entrever esa época con casas de pedra labrada e estreitas rúas con patios e prazas pequenas. Entre as edificacións podemos destacar a casa Mosteirín, edificio de carácter residencial, situado nun dos lados da praza da Constitución, xusto ao lado da tamén pintoresca Casa Mayán.

É imprescindible ao percorrer Cee, visitar o Pazo de Cotón, construído polos Carantoña de Vimianzo e que é unha moi boa testemuña do barroco galego. Da mesma época é o Castelo do Príncipe situado en Ameixenda e chamado así na honra de quen anos despois reinara como Carlos IV que, construído fronte o Castelo do Cardeal (Corcubión) situado na outra beira da ría, tiñan a función conxunta de protexer a entrada da ría dos frecuentes ataques piratas.

En canto a arquitectura relixiosa, podemos destacar a visita ao cruceiro do Campo de Sacramento, coroado cunha Virxe da Piedade que pertencía a unha antiga capela adicada á Magdalena e tamén as igrexas de Brens, Pereiriña, Lires e Ameixenda.

  • Iglesia de Santo Estevo de Lires

Instituto Fernando Blanco e “Escola das nenas”

Dentro do patrimonio histórico- artístico da vila de Cee, dous edificios de arquitectura civil destacan sobre o conxunto. Ambos os dous débense ao filántropo nado na vila a finais do século XVIII, don Fernando Blanco de Lema, que no seu legado deixou abondosos fondos para a contrución dun colexio de primeira e segunda ensinanza: o actual instituto Fernando Blanco e a coñecida como “Escola das nenas”, edificada sobre o solar da súa antiga casa natal. O colexio-instituto é unha obra de gran beleza arquitectónica de estilo ecléctico construído a finais do século XIX. No seu interior merece a pena contemplar a biblioteca de incalculable valor pola riqueza e calidade dos seus fondos, e a capela onde están depositados os restos do fundador nun mausoleo de mármore branco. Ademáis deste edificio, podemos gozar do fantástico xardín botánico que o rodea, que conta coa presenza de exemplares centenarios de diversas especies traídas de diferentes partes do mundo.

A outra gran obra é a antiga “Escola das nenas” que, dende agosto de 2001, alberga a actual Exposición Permanente da Fundación Fernando Blanco, formada cunha parte dos fondos conservados pertencentes á propia Fundación. Entre eles destacan numerosos obxectos que formaron parte dos gabinetes de física, química, electricidade, bioloxía, etc. E que son comparables aos que podemos atopar en universidades como a de Santiago de Compostela ou Salamanca.

Conxuntos etnográficos

Moitos son os recunchos do Concello de Cee nos que a natureza se entremezcla coa man do home de forma fermosa e pausada. Boa mostra son dous conxuntos de muíños que destacan pola súa beleza:

Os Muíños de Toba son un conxunto etnográfico formado por varios muíños de auga, que están encravados nun tranquilo recuncho do río das Laxes ou río de Toba. Este lugar ofrece a posibilidade de gozar dun remanso de paz ao son das tranquilas augas, ao tempo que tamén podemos organizar unha comida de campo, posto que o conxunto dispón de fogóns e mesas de pedra.

  • Vista dos Muíños de Toba

Os Muíños de Morancelle, máis descoñecidos e menos visitados que os anteriores, son tamén un conxunto de muíños de auga que foron restaurados recentemente e que tamén logran amosar a fermosura que a man do home pode deixar no seu aproveitamento da natureza.

  • Muíños de Morancelle

 

 

TurismoCee