Patrimonio natural e praias

O Concello de Cee brinda aos nosos visitantes unha interesante ocasión para descubrir as fermosas paraxes do corazón da mítica Costa da Morte, da súa terra e do seu mar.

Aquí mostramos unha escolma de lugares privilexiados do Concello:

Ría de Lires

Situada entre o Cabo Touriñán e o Cabo Fisterra, forma parte do Lugar de Interese Comunitario “Costa da Morte” da Rede Natura 2000 polo seu enorme valor ecolóxico, especialmente ornitolóxico, debido a que se constitúe nun lugar de paso de numerosas aves mariñas.

Así pois, aquí temos unha oportunidade para todos aqueles amantes da natureza de deleitarse co conxunto da flora e da fauna, ao lado do Océano Atlántico.

Praia de Gures

Esta praia, na parroquia de Ameixenda, compaxina perfectamente o espazo do mar e da area das piñeirais que nos ofrecen a súa agradable sombra. Está moi recollida e abrigada, razón pola que é moi concorrida durante todo o verán.

A Concha

Esta é a praia urbana do Concello, sita na capital, a carón do novo paseo marítimo. Cómoda e de fácil acceso. Cada 15 de agosto se celebran alí os espléndidos fogos artificiais en honor á Virxe da Xunqueira.

Estorde

Atópase na estrada cara a Fisterra. Conta cun cámping dotado de todo tipo de servicios e un amplo aparcamento. É a praia con maior afluencia de público. Ten unha gran variedade de servicios, incluíndo un servicio de “biblio-praia”. Por esto foi distinguida coa “bandeira azul”.

O Camiño de Santiago

Cee é paso obrigado para aqueles camiñantes que, despois de rendir culto ó Apóstolo en Santiago, dirixen os seus pasos cara o Finisterrae medieval, onde se atopan os coñecidos santuarios do Cristo de Fisterra e da Barca de Muxía.

O Camiño de Santiago entra no Concello de Cee polo monte de San Pedro Mártir, onde atopamos unha ermida moi antiga adicada a este santo ó lado dunha fonte milagreira para as doenzas da reuma, pés e verrugas.

Continuando cara o sur, no alto do Cruceiro da Armada, pódese contemplar o Cabo Fisterra na inmensidade do Océano Atlántico.

Cando se chega ó núcleo urbano o camiño avanza ata pasar por diante da Igrexa de Santa María da Xunqueira que, a pesares das desfeitas cometidas durante a invasión napoleónica, conserva ainda a súa cabeceira gótica.

A importancia de Cee neste Camiño a Fisterra e Muxía está ben contrastada documentalmente e durante a época moderna chegou a contar cun pequeno hospital para peregrinos.

TurismoCee