Casa Mosteirín

Situada na Praza da Constitución, pertence ó século XVIII e o seu uso é residencial. Ten unha construción sobria. A planta é cadrada con tres niveis e cuberta con fibrocemento a catro augas. Os ocos da fachada principal dispóñense nun ritmo vertical tanto polas tres bandas de vans como polas fiestras alongadas de madeira, que compensan o macizo do volume. A fachada principal está ocupada por un balcón de ferro forxado sostido por canzorros de pedra. No baixo hai un local comercial, no muro hai tres vans de arco de medio punto rebaixado.

O lateral que da a unha rúa estreita é máis sobrio, sobresaíndo unha galería no último piso. As outras fachadas fan medianeira con construcións posteriores. A pedra está a vista, sen ornamentación agás unha moldura a modo de tornachoivas sobre as fiestras na primeira planta.