Programa «Á esCEEna!»

Sábado 19 de agosto ás 21.30 h.

CÓDICE K 

Elenco: Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón.

Obra recomendada: +13 anos

Lugar: Auditorio Baldomero Cores. Casa de cultura de Cee

En xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino. En xullo de 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado nun garaxe. Que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… Iso é Códice K: o que non se sabe porque nunca se contou.Códice K, o máis grande “true crime“ da historia de Galicia. A partir do texto de Manuel Cortes e coa dirección de Tito Asorey, esta comedia non conta sobre o escenario  co electricista autor do roubo, nin co xuíz, nin co inspector nin cos membros da curia… As protagonistas da obra son as mulleres que o circunvalaron, como son a muller do electricista, a inspectora, monxas…

Códice K


Domingo 20 de agosto ás 21.30 h.

PARASIMPÁTICAS: O galego é un estado mental

Ainé Producións

Elenco: Lucía Veiga e Marita Martínez

Lugar: Auditorio Baldomero Cores. Casa de Cultura de Cee

Obra recomendada: +13 anos.

Parasimpáticas: O galego é un estado mental é a nova obra de dúas grandes cómicas do panorama teatral galego como son Lucía Veiga e Marita Martínez.

Dúas neuronas organizan unha Xunta Extraordinaria Neuronal para analizar o estado da materia gris galaica e estimular novas conexions galaico simpáticas. Cada punto da orde do día levará ás neuronas asistentes a percorrer lugares comuns do consciente colectivo, no que a versión galega sempre é moito mellor.

Porque ser galego é un estado mental.


Luns 21 de agosto ás 21.30 h.

A CASA DE BERNARDA ALBA

Cia. Noite Bohemia

Lugar: Auditorio Baldomero Cores. Casa de Cultura de Cee

Obra recomendada: +13 anos.

A Casa de Bernarda Alba é unha obra teatral escrita por Federico García Lorca en 1936. A historia desenvólvese nun pequeno pobo andaluz e aborda temas como a opresión, a represión sexual e a loita polo poder nunha sociedade patriarcal.

Esta obra céntrase na tiranía moral e a represión sexual que Bernarda exercía sobre as súas fillas. Bernarda imponlles 8 anos de illamento, levando ata o irracional as convencións sociais sobre o loito. A aparición de Pepe o Romano, disposto a casar coa filla maior, Angustias, desencadea o conflito. Todas as fillas, fóra da menor, Adela, aceptan as disposicións da súa nai. Adela será o personaxe rebelde, típico de Lorca, no que se presenta a oposición entre a autoridade e o desexo.

Está ambientada nun momento contemporáneo ao autor e inspirada en feitos reais, supón unha gran reflexión crítica sobre os costumes daquela época. A tiranía da suposta honra e as nomas sociais represéntanse con gran realismo no personaxe de Bernarda, quen afoga as ansias de liberdade e de vida do personaxe de Adela.

 


Martes 22 de agosto de 2023

CHULÍSIMA

Aldaolado: Chulísima

Publico Recomendado: +12 anos

Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee.

Elenco: Lucía Aldao e María Lado

En Chulísima Aldao e Lado volven empregar a retranca, o humor, a poesía e a música para achegar a quen desexe atreverse a nosa lingua. Durante o espectáculo contamos a historia do galego como nunca cha contaron, moi rápido, moi claro e con bastante sentido do humor. E intentamos desmontar algún dos prexuízos que algunhas persoas usan como escusa para non dicir as súas primeiras frases en galego. Non é unha palestra sobre a historia da lingua, nin unha análise científica sobre a súa situación actual. Nin sequera é un espectáculo didáctico. Pero seguro que descobres cousas. E se vendo CHULÍSIMA aprendes algo é porque es unha persoa intelixente e sensible. Daquela estás preparada para falar galego.

 

 


Mércores 23 de agosto de 2023

MOLTO BARROCO

Piscore: Molto barroco

Público Recomendado: +7 anos

Elenco: Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez, Pablo Cabanelas

Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee.

Molto Barroco é, antes que nada, unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro. Píscore Teatro ofrece a posibilidade de desfrutar, desde o teatro e o humor, da música da época barroca. Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao Compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e ata xogos malabares. Pero, paralelamente, o espectáculo nútrese doutra sinxela trama, unha sorte de comedia de enredo entre o Rei, a súa prometida e, se cadra, futura Raíña e o Compositor. Un triángulo amoroso que contará coa complicidade dun Bufón de actitude irreverente.

 


Xoves 24 de agosto de 2023

PIROLÍTICOS

Mofa & Befa: Pirolíticos

Publico Recomendado: +13 anos

Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee.

Elenco: Víctor Mosquera e Evaristo Calvo

Cunha estrutura en sketches, como é habitual en Mofa e Befa, e, por suposto, con música (desta volta, cun marcado estilo perrallas rock), Pirolíticos é esencialmente unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Ao igual que os fornos modernos, é necesario conseguir un estado de “baleiro total” para poder comprender e asumir os novos conceptos que o feminismo achegou nas últimas décadas. Reflexionar sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, recoñecer a súa posición de privilexio, e amosar as contradicións que estas influencias provocan no noso día a día, poñendo o foco en todo momento sobre un home que simpatiza coa teoría feminista e aspira a vivir en consonancia con ela, pero que ten que enfrontar unha cultura machista profundamente instalada.

 

 

 

TurismoCee