AGOSTO CULTURAL E FESTIVO. CEE 2022

O AGOSTO CULTURAL EN CEE OFRECERÁ UNHA VARIADA PROGRAMACIÓN NAS TARDES DO VERÁN

Presentouse está mañá o Agosto Cultural que un ano máis ofertará numerosas e variadas actividades durante o vindeiro mes, ademáis das festas patronais.

Cine, música, teatro, espectáculos de rúa e exposicións conforman a ampla oferta deste ano postpandemia no que se recuperan citas clásicas como o Certame de Habaneras ou as xornadas adicadas ás agrupacións locais de bailes rexionais e música tradicional.

A alcaldesa, Margot Lamela estivo acompañada na presentación polo concelleiro de Deporte, Cultura, Turismo e Festexos, Juan Manuel Buiturón e o técnico de xestión cultural, Víctor Castiñeira.

Destacou Margot Lamela as catro xornadas adicadas a música da man da Asociación de Amigos da Banda de Música de Cee no que pode ser a despedida da actual xunta directiva. O Memorial de Bandas Manuel Rebollar, unha noite de zarzuela co Liceo e Orquestra Arousana de Vilagarcía, a música da Banda de Gaitas de Forcarei e a actuación dos Amigos do Acordeón das Rías Baixas prometen emocións fortes para os amantes da boa música.

Tamén fixo unha mención especial ó feito de ser Cee unha das localidades escollidas para a realización dunha das galas do Mundial de Ilusionismo de Galicia, que traerá á Praza da Constitución á arxentina Lore Lavand o xoves 11 de agosto.

Finalmente quiso poñer en valor o esforzo que están a facer as diferentes agrupacións culturais do concello para retomar as súas actividades despois do paréntese provocado pola pandemia e das que poderemos desfrutar nos días previos ás festas da Xunqueira.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Juan Manuel Buiturón incidiu na variedade e amplitude do programa no que se mesturan as diferentes artes escénicas.

Como actor que é, tivo unha lembranza para a proxección da curtametraxe A maleta de Eva que se poderá visionar o 3 de agosto xunto cos traballos realizados por nenos de Cee no obradoiro de cine O gato de Don Corleone.

Os dípticos e trípticos da programación cultural e das festas da Xunqueira poden recollerse na Oficina de Turismo, sita na Casa de Cultura de Cee ou na Casa do Concello de Cee.

Tamén destacou as actuacións de rúa na que as artes circenses serán as protagonistas no final do mes de agosto.

Xusto antes, terá lugar a VIII Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna!, que durante seis días traerá destacados espectáculos ó Auditorio da Casa de Cultura.

Victor Castiñeira, técnico de cultura, avanzou algún dos máis sinalados como O porco de pé, a partir da obra de Vicente Risco. Teatro
clásico de Lope de Vega e ata un cabaret familiar na praza da Constitución para abrir a edición deste ano son outras das propostas para as que haberá entradas invididuais a 5 e 7 euros e bonos para toda a Semana a 20 e 15 euros.

Finalmente, catro exposicións, de diferentes estilos pictóricos e técnicas poñerán a nota de color a un programa pensado para desfrutar un ano máis, despois das tardes de praia e visitas culturais, dun mes de agosto cheo de alternativas de ocio na vila da Xunqueira.

Programación agosto cultural. Cee 2022

Festas da Xunqueira. Cee 2022

 

Deja un comentario

TurismoCee