Comunicado da Biblioteca Pública Municipal
A Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee informa, que debido á situación de emerxencia sanitaria pola evolución epidemiolóxica do Coronavirus COVID-19, os concursos convocados este ano, o “XXIX Concurso de Achegamento ó Libro” e “Na Procura do Noso XVI Marcapáxinas”, quedan cancelados por primeira vez nos seus 29 anos de existencia.
Esta suspensión, forzada pola obriga de pechar os centros escolares e sen saber con certeza cando volverán a abrir, deixa os concursos sen a súa principal fonte de entrega de traballos. Como podemos constatar das edicións anteriores, máis do 99% dos traballos entregáronos os profesores/as dos distintos centros de ensino da bisbarra en sobre pechado no Rexistro Xeral do Concello.
Ademais non contamos coas garantías suficientes de celebrar o acto de entrega de premios dentro da programación das Letras Galegas no vindeiro mes de maio, como se fai desde o ano 1992.
A contía dos premios destinarase á partida do orzamento do Concello de Cee referida a: premios, becas e pensións de estudos.
Non obstante, os/as alumnos/as de Educación Primaria que desexen entregar marcapáxinas e relatos de Achegamento ó Libro poderán facelo fora de concurso, unha vez que volva a abrir ao público o centro de lectura. Os orixinais quedarán en poder da Biblioteca, a cal se reserva os dereitos de explotación do traballo, produción, distribución, exposición, transformación ou calquera outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro.
Agardando que o próximo ano participen nos diferentes concursos mais nenos e nenas que nunca, a Biblioteca volverá a convocalos coa finalidade de animar aos escolares a ocupar o seu tempo de lecer na creación literaria e, así mesmo, propiciar neles unha reflexión sobre o mundo dos libros e a lectura como fonte irrenunciable de pracer e de coñecemento.
Recibide un cordial saúdo, ánimo, forza e MOITA SAÚDE.
José Ramón Rey Senra
Técnico da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán”
DESISTIMENTO DO PROCEDEMENTO Nº 2020/A002/000002: XXIX CONCURSO DE ACHEGAMENTO Ó LIBRO E NA PROCURA DO NOSO XVI MARCA-PÁXINAS
RESOLUCIÓN. Desistimento do procedemento Nº. 2020/A002/000002: XXIX Concurso de Achegamento ó libro e na Procura do noso XVI Marca-Páxinas