Homenaxe Rosalía de Castro 2023.

O Concello de Cee homenaxea a Rosalía cunha obra teatral para escolares este venres 24 no Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee

Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 en Camiño Novo, preto de Santiago de Compostela. Sendo aínda unha nena, trasladouse coa súa nai a Padrón e a súa aia ensinoulle a falar en galego e introduciuna na poesía popular nesta lingua.

En 1856, viaxa a Madrid e coñece a Manuel Murguía, co que casa no ano 1858. Será el quen a poña en contacto con Gustavo Adolfo Bécquer e outros autores do movemento do Romanticismo español. En 1857, publica o seu primeiro libro poético, LA FLOR, que xa presentará aspectos temáticos recurrentes na súa obra posterior como o desengano amoroso, o ambiente tenebroso e o pesimismo.

En 1863, publica CANTARES GALLEGOS, obra que a sitúa como precursora do fenómeno do Rexurdimento, ao lado de Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Nesta obra, xa é visible o seu feminismo pioneiro.
Desde un punto de vista estilístico, é unha obra na que predominan os versos de arte menor, que recordan ao ritmo das muñeiras. Nesta obra, no pema titulado Nosa Señora da Barca, atopamos os coñecidos versos adicados ás mulleres de Cee, que desde os comenzos deste mes de febreiro poden lerse na pancarta pendurada na propia Casa de Cultura:

En 1880, publica outra gran obra: FOLLAS NOVAS, concebido en principio como unha continuación de Cantares Gallegos. Non obstante, a medida que avanza a obra, pódese percibir unha maior profundidade, unha temática máis centrada nas desgrazas familiares, nas doenzas físicas e morais. Un dos poemas máis coñecidos desta obra, polo sentimento que rezuma, é “Negra Sombra”.

Outras obras importantes serían a novela La hija del mar, Flavio, Ruinas o El caballero de las botas azules. Xa nos últimos anos da súa vida, en 1884, publica, integramente en castelán EN LAS ORILLAS DEL SAR, un conxunto de poemas nos que destaca a exploración do mundo interior e unha visión pesimista da vida, enmarcado todo na natureza e realidade de Galicia. A sensibilidade e a imaxinación sitúa este poemario no camiño cara ao Modernismo.

Rosalía de Castro falecía o 15 de xullo de 1885 na súa casa da Matanza, en Padrón, a consecuencia dunha enfermidade. Foi enterrada na parroquia de Iria Flavia aínda que anos despois, en 1891, foi trasladada ao Convento de Santo Domingo de Bonaval, no presente Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares Gallegos.

Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio galego como no estranxeiro.

O Concello de Cee rinde homenaxe a esta gran figura da cultura galega este venres 24 de febreiro ás 11.00 horas divulgando a súa vida e obra entre os escolares de primaria dos centros educativos Vila de Cee e Manuela Rial Mouzo, coa representación da obra «A viaxe de Rosalía» a cargo de Larraitz Prods. Artísticas.

A viaxe de Rosalía é unha proposta escrita e dirixida por Lucho Penabade, apoiada pola interpretación actoral de Larraitz Urruzola e os títeres, onde se contan as pasaxes máis importantes de Rosalía de Castro e a súa obra literaria. O alumnado dos cursos de 3º, 4º e 5º que asistirá a esta función xa estivo traballando cunha unidade didáctica facilitada pola compañía como complemento á propia representación.

#2023CEEparatod@s #concellodecee #diadeRosalia

 

Deja un comentario

TurismoCee