2021: OitoM, Día das Mulleres. Moito por cambiar!

OitoM, Día das Mulleres.

Moito por cambiar, por mover, por concienciar, por educar, por entender, por compartir, por crear, por gozar, por vivir

O Concello de Cee súmase un ano máis, a iniciativa que promove a Deputación da Coruña arredor do 8M, Día das Mulleres.

Este 8M, Día das Mulleres, a Área de Igualdade da Deputación da Coruña promove unha serie de espazos en liña que nos convidan a atoparnos. Atoparnos para deternos e falar das dificultades que temos experimentado nestes tempos tan complexos e incertos marcados pola presenza da COVID-19; atoparnos para imaxinar colectivamente as respostas aos retos que atoparemos nos próximos meses e anos.

A pandemia, tanto o propio virus como as diferentes medidas tomadas polas administracións para a súa contención, está a afectar as nosas vidas de tal xeito que aínda non temos información suficiente para imaxinar as súas consecuencias a medio e longo prazo. Mais, no medio do baile de cifras e o ruído dos medios de comunicación, temos moita necesidade de integrar e compartir experiencias, analizando e poñendo consciencia sobre como esta realidade impacta de maneira diferencial nas vidas das mulleres.

Así, ao longo dun foro e tres conversas facilitadas en liña, reflexionaremos sobre os retos relacionados coa posición das mulleres na mercado laboral, co seu rol de principais responsables dos coidados e da sustentabilidade das vidas e sobre as interseccións da COVID-19 coas violencias machistas e os seus efectos específicos nos corpos e na saúde das mulleres. Tras a súa celebración en liña, estas conversas pasarán a formar parte dos recursos dispoñibles en aberto para a cidadanía dende a canle de Youtube da Deputación da Coruña.

Dirixida a profesionais do ámbito da igualdade nun sentido amplo (administración pública a todos os niveis; saúde; coidados; educación; terceiro sector; etc.) esta programación ten ademais por obxectivo fomentar o traballo en rede no ámbito local e provincial, esbozando colaborativamente as liñas estratéxicas do futuro dunhas políticas post-COVID que deberán integrar necesariamente a perspectiva de xénero. A participación nos diferentes espazos é aberta e gratuíta, mais precisa de inscrición previa a través do seguinte formulario i.gal/oitoM

Todo este proceso, xunto coas súas principais conclusións, será documentado xerando unha pequena publicación dixital que funcionará como inspiración, devolución e documento base para o traballo posterior. Por último, e no contexto deste mes de marzo tamén queremos apoiar á mocidade no seu papel como axente de cambio, facilitándolle a mozas e mozos ferramentas e referentes para xerar discursos alternativos dende os que fomentar a igualdade e actuar ante o machismo e a LGBTIfobia. Farémolo a través do deseño e difusión dun material didáctico que incorporará entrevistas en vídeo a mulleres referentes no cruce das TICs cos feminismos, animando á mocidade a xerar contido orixinal co que amplificar a conversa nas súas redes.

Máis información:

Programación de actividades

Ficha de inscrición para as actividades organizadas

Canle de youtube da Deputación da Coruña

Deja un comentario

TurismoCee