O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia achégannos estos 10 CONSELLOS PSICOLÓXICOS PARA COIDARNOS NA EMERXENCIA SANITARIA POLO CORONAVIRUS
-
PREGÚNTATE que sabes realmente sobre o coronavirus. INFÓRMATE en fontes fiables como son o Ministerio de Sanidade, a Consellería de Sanidade, os profesionais sanitarios, nas webs coronavirus.sergas.gal, www.cofc.es ou en www.copgalicia.gal ou a través do portal da OMS sobre o coronavirus.
-
SÉ SOLIDARIO/A: Permanecer na casa é unha forma de protexerte a ti e aos demais. Fala coas persoas que te rodean cunha actitude positiva e responsable.
-
OBSERVA como está o teu corpo. Escóitao e ante calquera signo de malestar como tose, febre ou dificultade para respirar chama ao 900 400 116 con tranquilidade. Evita acudir aos centros de saúde e urxencias médicas.
-
ESTABLECE rutinas de coidado: lava as mans con frecuencia, usa panos de usar e tirar e mantén a distancia recomendada con outras persoas. Cumprir as indicacións fai que nos sintamos e esteamos máis seguros e seguras.
-
DETÉN os malos pensamentos e substitúeos por outros máis positivos. Vive o día a día.
-
SENTIR MEDO, PREOCUPACIÓN, ANSIEDADE, ESTRÉS… é normal ante unha situación tan excepcional. As emocións teñen un papel adaptativo e todas son necesarias. Se observas que as túas emocións son moi intensas, e non es capaz de xestionalas, pídenos axuda a todas e todos os profesionais sanitarios: farmacéuticos/as, psicólogos/as, médicos/as, enfermeiros/as e demais estamos para axudarche.
-
Lembra as túas FORTALEZAS. Na túa historia de vida contas con experiencias previas nas que tiveches que superar a túa ansiedade e o teu medo. Dentro de ti posúes os recursos necesarios para facer fronte a situacións adversas. Ponte en marcha para afrontar dunha maneira saudable esta nova situación.
-
ORGANÍZATE tanto na casa como no traballo. Na casa comparte as tarefas domésticas coas persoas coas que convives. No traballo explica a túa situación persoal e se tes que teletraballar, faino establecendo un espazo e un horario. As rutinas dan sensación de normalidade e de control.
-
MANTENTE EN CONTACTO cos teus familiares e amizades. Aproveita a tecnoloxía para comunicarte, especialmente coas persoas que están illadas. Utiliza o humor para ter unha visión máis distendida da situación.
-
OPORTUNIDADE en tempos de CRISE. Este tempo de recollemento pode ser moi enriquecedor e unha oportunidade para reflexionar, ler, darlle corda á nosa creatividade, xogar cos fillos e fillas e aproveitar para facer aquilo na túa casa que non puideches por falta de tempo. Tócanos vivir un momento excepcional e temporal do que todos e todas imos aprender.
Esta situación ten un comezo e un final; desta saímos xunt@s.