Axudas Instalación, reforma, adecuación de terrazas e/ou adquisición de envasado para o servizo de consumo no domicilio. Xunta de Galicia

Obxecto

Estas axudas teñen como obxecto subvencionar as seguintes actividades:

1. Instalación, reforma e adecuación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, sitas en espazos públicos ou privados, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Adquisición de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio.

A quen vai dirixido?

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

2. Dada a natureza extraordinaria, tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras, como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria de que derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen o aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exímense as persoas beneficiarias desta subvención do requisito de estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei e as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

Desenvolveren a súa actividade en Galicia, polo menos nun centro de traballo, dentro do sector da hostalaría e restauración, nomeadamente, restaurantes, cafetarías, bares e salóns de banquetes, cumprindo os requisitos establecidos legalmente para exercer a dita actividade.

Tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE nº 124, do 20 de maio, p. 36), empregaren menos de cincuenta (50) traballadores.

Estaren dadas de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo I.

Prazo

Prazo de presentación: ABERTO

04/12/2020 – 28/02/2021

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 28 de febreiro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Documentación para a presentación

Forma e lugar de presentación das solicitudes .

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No dito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) Que emprega menos de cincuenta (50) traballadores.

f) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Que manterá os activos fixos subvencionados durante o período de mantemento dos investimentos, segundo o establecido no artigo 17 das bases reguladoras.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e do aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

i) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

j) Declaración da súa dimensión de microempresa, pequena ou mediana empresa.

k) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

l) Declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. O formulario de solicitude incluirá unha opción para que os solicitantes poidan pedir un anticipo do 50 % da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente. A solicitude de anticipo será obxecto de motivación na resolución de concesión da axuda. Exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Máis información

Bases íntegras da axuda para instalación, reforma e adecuación das terrazas

Tramitación da solicitude en liña

Deixa un comentario

TurismoCee