Finalizadas as actuacións que se levaron a cabo na contorna do colexio Vila de Cee coa formalización da acta de recepción por parte da alcaldesa, Margot Lamela, representantes da empresa adxudicataria, persoal municipal e director de obra.
Ao finalizar a recepción procedeuse á instalación dunha placa permanente que pon punto e final ás actuacións de promoción e difusión de dito proxecto.
Ditas actuacións enmárcanse dentro dunha subvención da FEMP en coordinación co Ministerio de Sanidade dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado con Fondos Europeos Next Generation EU.
As obras teñen como finalidade:
- A creación de itinerarios peonís, seguros e accesibles.
- A ordenación e mellora do espazo público a favor da mobilidade amable e sostible.
- A promoción de estilos de vida saudables principalmente para os usuarios do colexio Vila de Cee, do pavillón polideportivo municipal e a vivenda de Aspadex.
- Calmado e reordenación do tráfico e o seu estacionamento en dita contorna.
O 30 de marzo de 2023, notifícaselle ao concello de Cee, a concesión da subvención. O importe da adxudicación da obra ascende a 536.046,75 € (IVA engadido), financiado ao 100 % por fondos europeos.
As obras consistiron en:
- A execución de novas aceras na Rúa da Escola, con anchos accesibles e un trazado continuo que mellora a conexión peonil.
- A creación dun espazo de convivencia que prioriza e favorece a mobilidade peonil entre o colexio Vila de Cee e o pavillón polideportivo municipal.
- A apertura dunha senda peonil accesible que da conexión ás aceras Avenida Fernando Blanco, coa rúa San Adrián e co novo espazo compartido na contorna do colexio pola beira do río Cee.
- A execución de novas beirarrúas na rúa San Adrián que permite a continuidade dos itinerarios accesibles.
Realizouse a adaptación da rede de recollida de pluviais e a renovación da rede de iluminación pública, adaptándoa á configuración do espazo. Instalouse ademais mobiliario urbano e señalización.
O sendeiro polo borde do río executouse con pavimento de formigón coloreado e madeira tratada, finalizando coa instalación dunha baranda e colocación de balizas para a súa iluminación.
En todos os itinerarios se realizou a execución de pavimentos podotáctiles e das rampas precisas segundo a normativa de accesibilidade vixente.
Cee foi un dos 18 proxectos subvencionados sendo de destacar que en Galicia só foron concedidos a Cee, á Deputación Provincial de Pontevedra e ao Concello de Vigo. Con esta subvención aténdese a unha obra demandada históricamente que permite potenciar os desplazamentos saudables e sostibles dentro do núcleo urbano de Cee, dado que en dito entorno ademais de atoparse o colexio Vila de Cee (antes Eugenio López) atópase a vivenda residencial da asociación ASPADEX.