EXPEDIENTE No 2025/G013/000001
NORMATIVA
Disponse incoar procedemento para a aprobación da ORDENANZA REGULADORA DO MERCADO MUNICIPAL DE ABASTOS DO CONCELLO DE CEE, de conformidade co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A citada Lei 39/2015 regula no seu artigo 133 o exercicio do dereito da cidadanía para participar no procedemento de elaboración de normas con rango de Lei e regulamentos, e establece no seu punto 1 que con carácter previo á elaboración do proxecto ou anteproxecto de lei, Ordenanza
ou de regulamento, substanciarase unha consulta pública, a través do portal web/Sede da Administración competente na que se solicitará a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma, acerca de:
a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.
b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación.
c) Os obxectivos da norma.
d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
En cumprimento do punto 1 do Art. 133 da Lei 39/2015, exponse:
CONSULTA PÚBLICA PREVIA:
a) Problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa:
Con esta iniciativa, o regulamento pretende solucionar a inseguridade xurídica que afecta a moitos dos titulares das concesións do mercado de abastos de Cee en canto aos seus dereitos e obrigacións como beneficiarios dos mesmos, á vez que establecer con claridade os procedementos administrativos a seguir para solicitar e adxudicar as postos vacantes, cesar como titulares dos mesmos, modificar a titularidade cando cumpra e coñecer os requisitos que han de cumprir os solicitantes para ter, manter ou adquirir a concesión dun posto de venda no mercado de abastos de Cee.
b) Necesidade e oportunidade da súa aprobación.
As necesidades de clarificación e actualización normativa, de seguridade xurídica, de aproveitamento comercial dos postos actualmente vacantes, xustifican sobradamente a necesidade e oportunidade de contar canto antes cunha Ordenanza Reguladora.
c) Obxectivos da norma.
Os obxectivos que pretende esta ordenanza reguladora son, por todo o exposto:
achegar seguridade xurídica aos concesionarios, dar a coñecer aos interesados os seus dereitos e facilitar o cumprimento das súas obrigacións.
d) Posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Non se contempla outra opción. A seguridade xurídica ha de verse garantida desde o nivel regulatorio dunha Ordenanza para dar resposta á situación actual do Mercado
de Abastos de Cee.
Os cidadáns/as e organizacións máis representativas que se consideren afectados potencialmente pola ordenanza, poderán facer chegar as súas opinións sobre as condicións referidas anteriormente, nun prazo de 20 días a partir da data de publicación desta consulta na Web/Sede do Concello de Cee, a través do do Rexistro Xeral ou da Sede electrónica do Concello de Cee.
Documentación
Ordenanza Reguladora do Mercado Municipal de Abastos do concello de Cee