Concursos Biblioteca Municipal 2019

Bases Achegamento ao Libro 2019.

Carta Presentación Achegamento ao Libro 2019

A Biblioteca, conxuntamente coa Corporación municipal, tenta realizar dun xeito permanente unha animación cultural que afonde no ámbito cultural do noso Concello e comarca. Así é como a Biblioteca e a Concellería de Cultura, Deportes e Tempo Libre volven, un ano máis, convocar estes premios, co único fin de animar aos nenos a ocupar o lecer na creación literaria e, deste xeito, fomentar o hábito da lectura.

É motivo de satisfacción persoal lembrar que este ano o concurso de “Achegamento ao Libro” chega a súa vixésima oitava edición, e aproveito a ocasión para amosar o meu máis sincero agradecemento a todos os rapaces e rapazas que ano tras ano participan nestes concursos, que a día de hoxe son 7.199 os traballos presentados aos diferentes certames, xa que son eles os verdadeiros artífices e protagonistas destes concursos e a razón de ser dos mesmos.

Así mesmo, queremos facer público o noso agradecemento á IMPRENTA PACO de Cee por facer gratuitamente os nosos marcapáxinas, tal como leva facendo os últimos trece anos. Ao igual que o ano pasado, destacar que nesta edición tan só poderán participar os alumno/as de Educación Primaria, e que a dotación económica dos premios aumenta en todas as categorías; por outra banda, volvo a pedir a todos os participantes a obriga de cumprimento coas bases dos diferentes concursos, facendo fincapé coas que fan referencia á presentación dos traballos, que deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Cee, sito no 1º andar da Casa do Concello (Rúa Domingo A. de Andrade, s/n) en horario de mañá de luns a venres de 9.30-13.30 horas, ATA O DÍA 4 DE ABRIL ou enviar por correo ordinario.

Considerando que todos os premios que convoca este ano a Biblioteca Pública Municipal son de interese para os nenos da nosa comarca, temos a ben enviarlle as bases que rexerán os ditos concursos para que sexan difundidas ó maior número posible de rapaces.

Un afectuoso saúdo.

José Ramón Rey Senra (Técnico da Biblioteca)
Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán”
Casa da Cultura, 3º andar. Paseo do Alcalde Pepe Sánchez, nº 9
15270 – Cee ( A Coruña)
Tfno.: 607029896 / 981745100
E-mail : cee.rbgalicia@eidolocal.es

Bases Concursos Biblioteca Municipal Francisco Mayán 2019

Participación 2019

A Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee, quere facer público o seu agradecemento, aos diferentes medios de comunicación que colaboraron difundindo a convocatoria dos concursos da presente edición e a tódolos mestras e mestres dos distintos centros educativos que animaron aos rapaces e rapazas a participar nos mesmos, así como a todas e todos os participantes por agasallarnos coas súas obras, que sen dúbida foron froito dun laborioso traballo, dada a calidade das mesmas.

Concursos que teñen como obxectivos fundamentais, fomentar a creación literaria, promocionar a lectura e facilitarlle aos nenos e nenas de Educación Primaria canles de expresión creativa na nosa lingua, para desta maneira contribuír a crear unha sociedade onde o libro e a lectura en lingua galega teñan un papel destacado entre a nosa xuventude.

O número de obras presentadas aos diferentes concursos deste ano 2019 foron un total de 203 traballos, repartidos do seguinte xeito:

XXVIII CONCURSO LITERARIO DE “ACHEGAMENTO AO LIBRO”

-1º e 2º Curso de Primaria: 44

-3º e 4º Curso de Primaria: 25

-5º e 6º Curso de Primaria: 79

XV CONCURSO “EN BUSCA DO NOSO MARCA-PÁXINAS”

-Traballos presentados: 55 

     Nos vinte e oito anos de vida (1992-2019) destes certames contabilízanse a día de hoxe un total de 7.402 traballos presentados. 

     A entrega de premios será o xoves 16 de maio ás 18.00 horas na Sala de Conferencias (3º andar – planta da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán”) da Casa da Cultura do Concello de Cee.

Deixa un comentario

TurismoCee