Día das Artes Galegas 2020-2021

Domingo de Andrade.

O arquitecto barroco Domingo de Andrade voltará  a ser o homenaxeado no “Día das Artes 2021” pola súa proxección universal, con obras tan monumentais como a Torre do Reloxo de Santiago.

 

A Real Academia Galega de Belas Artes dedicará ao longo do ano unha serie de actos, que comenzaron cunha conferencia de Jose Ramón Soraluce este pasado día 30 e continuarán hoxe, 1 de abril, co descubrimento dunha placa conmemorativa na catedral de Santiago, acto ó que asistirá a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela.

 

O cartel do “Día das Artes Galegas” en homenaxe a Domingo de Andrade foi deseñado polo académico numerario da sección de artes da imaxe da Real Academia Galega de Belas Artes, Xosé Díaz Arias de Castro, a partir do retrato de Domingo de Andrade que está exposto na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen foi membro numerario da sección de pintura e gravado desta mesma Institución.

Domingo Antonio de Andrade (Cee,1639 – Santiago de Compostela, 1712) foi un arquitecto galego de proxección universal.

En 1654, comezou os seus estudos na Facultade de Artes da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que os abandonou por unha enfermidade. En 1668 casou con Isabel Areas Canosa, con quen tivo dez fillos, dos cales cinco faleceron de pequenos, mentres que dos restantes dous foron franciscanos en Santiago e tres agustinas en Lugo e Betanzos.

Comezou a traballar na capital compostelá en 1662 e fíxoo como entallador de oficio, preocupado principalmente pola estrutura compositiva de retablos en madeira. Algunhas das súas obras son o tabernáculo da Catedral de Santiago, estrutura que repetirá no baldaquino da Capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense e o baldaquino do Altar Maior da igrexa do mosteiro de Oseira.

Aparellador Maior e Mestre de Obras da Catedral de Santiago de Compostela

Así, en 1669 era Aparellador Maior da Catedral e en 1676 foi nomeado Mestre de Obras da Catedral, onde comezou coa obra da Torre do Reloxo (1680) da Catedral de Santiago de Compostela, coñecida popularmente como Torre da Berenguela. Foi a súa primeira construción significativa, e quizais a súa obra mestra, que caracterizada pola súa monumentalidade e solidez en harmonía co conxunto catedralicio, fan desta unha obra barroca de prestixio internacional.

 

En 1696, o cabido santiagués encárgalle a nova sancristía (hoxe Capela da Nosa Señora do Pilar) da que fixo as trazas e foi substituído por Casas Nóvoa en 1711. Antes, en 1699, Domingo de Andrade ordenouse como presbítero ao quedar viúvo.

 

En 1700 realizou o Pórtico Real da Quintana, horizontalidade en contraste coa esbeltez da Torre do Reloxo. Así mesmo, traballou no convento de Santo Domingo de Bonaval en tres partes principais: a fachada da portería, os cuartos e o claustro onde aparecen as súas características sartas de froitas e o virtuosismo da afamada escaleira de caracol.

 

Resultan destacables, como mostra de arquitectura urbana, a Casa da Parra (1683) e a Casa da Conga (1709) que el comezou, aínda que finalmente a realización se lle atribúe a Casas Nóvoa. Ademais, fóra de Compostela realizou, entre outras, a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo, interiores tamén co seu característico encalado en branco, e outras obras diversas na Catedral de Ourense.

 

Andrade contaba cunha personalidade posuidora dunha gran cultura, debido a súa relación desde 1658 co canónigo fabriqueiro José de Vega y Verdugo, e a súa obra “Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura” (Santiago, 1695) onde demostra a súa erudición e expresa a súa teoría arquitectónica.

Día das Artes Galegas

A iniciativa desta efeméride naceu da RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición de 2019 a figura homenaxeada foi Luis Seoane, teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia. Mentres en anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).

Deixa un comentario

TurismoCee