Talía estrea en Cee “A primeira vez” o vindeiro domingo 31 de marzo.
- Coma sempre, o Auditorio Baldomero Cores reserva un espazo especial para a compañía Talía Teatro. Gústanos ser os primeiros en coñecer as súas novidades e, neste caso, Talía presenta en Cee o domingo 31 de marzo de 2019 “A primeira vez”, un drama con tintes de comedia para adultos dirixida por Artur Trillo e protagonizada por María Ordóñez e Toño Casais.
“A primeira vez” de Talía TeatroAuditorio Baldomero Cores. Casa da Cultura de Cee20.30hTaquilla aberta 1 hora antesPrezos: 5 € entrada xeral e 3 € entrada bonificada (desempregados, estudantes, pensionistas)Importante: Obra recomendada para maiores de 13 anos
SINOPSE
É a décima vez que soa o teléfono na metade da noite. Despois de atravesar a cidade horriblemente iluminada, no medio da chuvia, deambular entre bloques de vivendas, atopar o edificio, a escaleira, o piso e a porta…el e ela confróntanse de novo para trazar o itinerario da súa primeira vez.
Defendida a toda costa por el, sabotada polas constantes saídas de ton dela, querendo e non; un asúmea como feito necesario, oportuno e desexado, pero intranscendente, mentres que a outra ansía unha primeira vez perfecta, resultado dunha decisión moi meditada, ata o extremo.
A primeira vez conta polo tanto a primeira relación sexual de Mada e Carlos. Unha relación na que ela oficia de directora e guionista da historia, quen planea o encontro perfecto, coidado e medido ata o último detalle; e el, que se converterá no seu fiel actor. A infinita repetición e o eterno ensaio pasan a ser o motor da relación.