Verán Cultural 2023

Presentación da programación do verán cultural 2023.

O Verán Cultural de Cee chega cargado de actividades: un curso de interpretación diante da cámara, música, teatro, espectáculos de rúa e exposicións conforman a ampla oferta deste ano, no que se manteñen citas clásicas como o Certame de Habaneras, o Memorial Manuel Rebollar ou as xornadas adicadas ás agrupacións locais de bailes rexionais e música tradicional.

A alcaldesa, Margot Lamela, xunto coa concelleira de Cultura, Educación, Turismo e Participación Cidadá, Luisa Rodríguez, e o técnico de xestión cultural, Víctor M. Castiñeira presentaron a programación, a alcaldesa, Margot Lamela, destacou a actuación o sábado 29 de xullo da Banda de Gaitas de San Xoan de Paramos (Tui). Esta formación visitará Cee por terceira vez despois do éxito acadado o ano pasado no que tamén tivo a oportunidade de desfilar en EEUU no día de San Patricio.

Xa no mes de agosto, destacaron o concerto Xeración Babalú que na noite do venres 4 traerá moitas lembranzas a todas aquelas persoas da Costa da Morte que viñan a bailar coa música dos 80 e 90 na fin de semana á discoteca Babalú. Na xornada seguinte e durante tres días consecutivos terá lugar, en colaboración coa Asociación de Amigos da Banda de Música de Cee, unha edición máis do Memorial de Bandas Manuel Rebollar, no que ademáis das bandas de musica de Meaño, Beade e Cee, participarán a Banda de Gaitas de Forcareio grupo Sinsón e a actuación da formación A música de Cecebre cun espectáculo que lembra ás primeiras orquestras dos anos 40 e 50 do pasado século.

Unha das actuacións destacadas desta programación será o concerto de Antía Muiño, o venres 11 de agosto. Unha artista, con raíces na zona e que xa está a destacar no panorama nacional da música de autor. O compromiso do Concello coas asociacións e grupos locais terá o seu reflexo nas actuacións a desenvolver no auditorio da casa de cultura nos días previos ás festas patronais: Asoc. Cultural Terra de Sena, grupo de gaitas Fumes do Cal, agrupación de gaitas e pandereteiras da AA.VV. de Toba, Mestura Fol , o grupo de gaitas e baile Pedras Miúdas, Escola de Danza Breogan e Grupo Nin Chica nin Patacón.

A concelleira Luisa Rodríguez subliñou que na segunda quincena de agosto mesturaranse as diferentes artes escénicas coas clásicas actuacións de rúa na programación de Cultura no Camiño. A IX Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna! traerá durante seis días destacados espectáculos, salientando a estrea de Códice K e o peche da edición deste ano da man de Mofa&Befa.

O técnico de Cultura, Victor Castiñeira, incidiu na amplia e variada oferta deste Verán Cultural no que tamén terán cabida espectáculos infantís no mes de xullo dentro da programación da biblioteca municipal, as exposicións de escultura e pintura que abren a programación este domingo 9 de xullo, así como a que durante o mes de agosto, como anticipo de Á EsCEEna!, fará unha visión retrospectiva dos 30 anos da compañía Mofa&Befa, e ata un curso de interpretación diante da cámara para nenos e adolescentes impartido por Toño Casais.

Deixa un comentario

TurismoCee