Presentación da reapertura da ruta Meigha Lirea en Cee

Hoxe, ás 12.30 horas no Salón de Sesións da Casa Consistorial tivo lugar a rolda de prensa sobre a reapertura da Ruta Meigha Lirea, en Lires. Esta ruta nacía no ano 2007, cando un grupo de mozas presentou ante o INJUVE de Madrid o proxecto “Lires abre os seus camiños” e recibiron unha subvención para elaborar esta ruta de sendeirismo.

A técnico de normalización lingüística, coordinadora no seu día deste proxecto, insistiu nos agradecementos a todos aqueles que ofreceron a súa axuda para levar a cabo esta iniciativa: os propios veciños de Lires, os seus familiares, enxeñeiros, o carpinteiro…Pero quixo agradecer especialmente a Xan Rivas Cid, funcionario da Dirección Xeral de Xuventude naquel momento e falecido en 2013, a súa dedicación a este proxecto ao cal tratou sempre con moito cariño porque se trataba da primeira iniciativa que el levaba a cabo.

A continuación, a concelleira de Deporte e Tempo Libre e o alcalde fixeron especial fincapé na importancia desta ruta por tratarse dunha iniciativa xuvenil e porque supón un empuxe ao turismo e hostalería de Lires.

Ademais, a concelleira adiantou que esta ruta formará parte do programa das Andainas “Coñece a Costa da Morte”.