DOMINGO ANTONIO DE ANDRADE (1639-1712)
Hoxe 1 de abril de 2020 comeza o ano que a Real Academia Galega de Belas Artes lle adica a unha das figuras máis importantes do barroco en Galicia, Domingo Antonio de Andrade. Se ben as actividades programadas desde diferentes entidades, entre elas o propio concello de Cee, tiveron que ser adiadas ata que pase o actual estado de emerxencia sanitaria polo Covid-19, non queremos deixar pasar esta efeméride para lembrar, aínda que sexa superficialmente, a unha das figuras senlleiras, xunto con Fernando Blanco de Lema, da nosa vila de Cee.
O Concello de Cee ten preparadas para cando todo volte á normalidade, unha serie de actividades que pretenden homenaxear e ó mesmo tempo divulgar entre os nosos veciños a súa obra, entre a que podemos salientar, por ser as máis coñecidas, a torre do reloxo da catedral de Santiago ou as escaleiras de caracol de Santo Domingo de Bonaval. Pero a obra de Andrade é moito máis e con razón está considerado como o principal promotor da escola barroca en Galicia, na que se inscriben os seus discípulos Simón Rodríguez e Fernando de Casas.
Foron os seus pais, Domingo López de Andrade natural da parroquia de San Xulián de Petán (A Cañiza) e Alberta López, natural de Cee e filla de Alberto López e María López, “padres ricos y honrados”.
Do seu pai, sabemos que foi un fidalgo acomodado que ocupou o cargo de xuíz nas xurisdicións de Vimianzo e Mens, o que sen lugar a dúbidas o sitúa no entorno dos Condes de Altamira. Finalmente tamén sería xuíz na vila e xurisdición de Cee, lugar de residencia e no que, coma un veciño máis, aparece como membro da confraría de San Sebastián e Ánimas do Purgatorio ou tamén como mordomo da fábrica da Nosa Señora da Xunqueira no ano 1653.
Por algúns documentos conservados podemos deducir que Domingo Antonio de Andrade criouse no seo dunha familia que contaba cunha boa posición social e económica na vila, pero a prematura morte da súa nai e o feito de que o seu pai tivera fillas dun anterior matrimonio, deu lugar a problemas coas herdanzas entre o pai do artista e os seus sogros e posteriormente entre o propio Domingo Antonio e o seu cuñado Andrés González de Lema. Esta situación non quedaría totalmente resolta ata o ano 1703 cando o arquitecto firme unha concordia pola que recibiu 400 reais e o agro de San Andrés en Corcubión.
Por outra parte, antes de adicarse á arquitectura, Domingo Antonio xunto co seu irmán Antonio de Andrade, empezou estudios eclesiásticos, acadando a prima tonsura, antes de matricularse na Universidade de Santiago. Domingo Antonio o fará con quince anos, no ano 1654, na carreira de Artes, estudios que non seguirá xa que se matricula no ano seguinte no primeiro ano da carreira de Cánones. Nese ano de 1655 foi ingresado no Hospital Real de Santiago sen que poidamos saber a doenza en concreto pero debeu ser de certa importancia xa que non continuará os seus estudos en Santiago e incluso anos despois volta a aparecer ingresado no citado Hospital.
A pesar da súa corta estadía na Universidade, Domingo Antonio de Andrade contará con coñecementos de filosofía e dereito canónico, dominando o castelán e, sobre todo, o latín, o que lle permite acceder ás publicacións estranxeiras.
Nas vésperas do Nadal de 1659, con vinte anos de idade, bautízase en Corcubión o seu primeiro fillo, Francisco Antonio, tido de solteira por Isabel de Areas Canosa coa que acabaría por casar en marzo de 1662.
Pouco despois da súa voda (1662) debe empezar a traballar nos obradoiros artísticos da catedral baixo o mando do cóengo José de Vega y Verdugo, quen o instruiría en temas de arte e arquitectura.
Xa en 1663 abre o seu propio taller e ingresa no gremio de canteiros, entalladores, carpinteiros e toneleiros da cidade de Santiago.
Ata o ano 1664, fórmase como entallador aprendendo o oficio da man de Francisco de Antas e Bernardo Cabreira (os mellores artistas de retablos da época).
En 1665, xunto co aparellador da obra do Tabernáculo, Lucas Serrano, recibe o encargo de facer a que se considera a súa primeira obra de importancia como entallador: a construción do camarín do presbiterio que é o lugar ó que acoden os fieis para venerar e apertar a imaxe do apóstolo Santiago. Os seus coñecementos da madeira e a súa habilidade fan que o traballo destes primeiros anos teña que ser necesariamente tido en conta para entender o conxunto da súa obra posterior.
O seu ascenso dentro dos obradoiros da catedral é imparable e no ano 1669 será nomeado aparellador menor da obra do Tabernáculo ó tempo que empeza a acompañar o mestre de obras de cantería da catedral, José de la Peña de Toro, e a redactar os seus primeiros informes. Este feito será definitivo para a súa consagración posterior como arquitecto, xa que con el aprendeu o oficio na práctica.
En marzo de 1672 co informe favorable de Vega y Verdugo, que se vai para Granada, é nomeado aparellador maior da catedral empezando a gozar dunha serie de privilexios reservados só para un reducido número de persoas. Entre eles atópanse a exención de pago de impostos, levas militares, aloxamentos, etc. O seu salario anual será de 50 ducados incluíndo entre as súas obrigas, ademais de visitar e informar do estado das propiedades do Cabildo, a preparación cada ano dunha montaxe diferente para o castelo de fogos do día de Santiago. Empeza así a etapa profesional máis importante da súa vida. A partida de Vega y Verdugo, vai facer que poida rematar as obras do Tabernáculo, co seu criterio e dirección. Ademais xa é nomeado sucesor do mestre de cantería Peña de Toro, feito que se consumaría trala súa morte en 1676. É entón cando Andrade, pase a ser Mestre Maior da catedral, tanto de carpintería, como de cantería, cargo que ocupará durante o resto da súa vida. A súa responsabilidade será máxima en todo o referido ás obras tanto da catedral como das propiedades capitulares, ademais de supervisar o traballo do aparellador, oficiais e aprendices, seguir organizando todo o relacionado coas festas do Apóstolo e taxar todos os materiais para as obras.
Tanto na arte do retablo como na da arquitectura, a figura de Domingo Antonio de Andrade é a dun innovador, renovando en Galicia as formas decorativas e de construción. Trala súa morte, Andrade non só nos deixou unha obra extraordinaria senon tamén a súa influencia tanto directa como indirecta en todas as obras galegas de finais do século XVII e primeira metade do século XVIII.
Todo canto se poida dicir deste gran arquitecto seguramente será pouco, así que temos a obriga como veciño noso que foi de contribuír, dentro das nosas posibilidades, á divulgación da súa obra e a afirmar con orgullo que unha parte desa catedral que cada ano marabilla ós centos de miles de persoas que a visitan, ten raíces ceenses grazas a Domingo Antonio de Andrade.
Máis información na Real Academia Galega de Belas Artes
Texto: Víctor Manuel Castiñeira Castro
Técnico de Xestión Cultural do Concello de Cee