Inicio do Ciclo de Conferencias Domingo Antonio de Andrade. Artes Galegas 2020-2021

Un ciclo de conferencias analizará a transcendencia artística do arquitecto ceense Domingo de Andrade como “mestre do barroco galego”

 

Celebrarase desde mañá venres ao domingo 21 no Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee, as 21 horas

 

Intervirán o arquitecto Juan Creus, o profesor de historia Antonio Leis  e o técnico de xestión cultural do Concello de Cee, Víctor Castiñeira

Cee, 18 de xuño de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- A Real Academia Galega de Belas Artes colabora nos actos de homenaxe que está organizando esta semana o Concello de Cee, xunto á Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, para engrandecer a figura do arquitecto Domingo de Andrade, elixido pola institución como persoeiro do Día das Artes Galegas polo seu traballo extraordinario no barroco galego con obras como a Torre do Reloxo (Torre da Berenguela) da Catedral de Santiago ou a emblemática escaleira de caracol do convento de Santo Domingo de Bonaval en Compostela.

O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, asistiu ao acto central que se celebrou o pasado martes día 16, cunha ofrenda floral no monumento a Domingo de Andrade, o espectáculo “Barrococó” de Rilo&Penadique e as exposicións “Domingo de Andrade, un arquitecto universal” e “Domingo Antonio de Andrade (1639-1712): de Cee a Compostela, vida e obra dun xenio”.

Ademais, a programación consta dun ciclo de conferencias no que se lembrará e enxalzará a figura do arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639 – Santiago de Compostela, 1712). As conferencias celebraranse mañá venres 19, o sábado 20 e o domingo 21 de xuño, ás 21:00 horas no Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee.

A primeira das conferencias será mañá e estará impartida polo arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos (E.T.S.E.C.C.P.) da Universidade da Coruña (UDC), Juan Creus, que falará da  “Intensa destreza. Algunhas notas sobre a obra de Domingo Antonio de Andrade” resaltando aspectos dalgunha das súas obras máis emblemáticas.. Fará unha aproximación desde a profesión de arquitecto e a arquitectura como arte vinculada ao feito de construír, “esa difícil habilidade para transformar espazos atopando acordo entre resolver problemas funcionais e aportar novos significados”. Creus sinala que a intensa destreza destaca esa gran calidade de Domingo de Andrade, fundamentada na súa pericia para resolver encontros entre arquitecturas diferentes, dando continuidade a todas elas. Segundo explica Creus, as súas obras son o froito dun gran traballo a pé de obra e da súa habilidade para incorporar, a través do detalle, aspectos xerais da paisaxe que o rodea. “A xeometría, forma e posición das súas obras fomentan o percorrido interior e exterior, mostrando como a arquitectura aporta un forte significado cando se pon en relación coas demais a través do contraste e a adaptación como partes dun mesmo proceso” –apunta–.

A segunda conferencia do sábado correrá a cargo do profesor de xeografía e historia do I.E.S. de Sanxenxo, Antonio Leis Castro, que impartirá unha charla titulada “Domingo Antonio de Andrade, mestre do barroco galego”. Segundo explica, Domingo de Andrade ocupou o cargo de Mestre de Obras da Catedral de Santiago, un posto de preeminencia e consideración, e foi unha voz respectada no último terzo do século XVII e os primeiros anos do XVIII.  Pero mais aló do cargo, Leis sinala que o seu maxisterio artístico influíu directamente en multitude de arquitectos e entalladores. que se formaron baixo a súa tutela ou que recibiron a súa influencia artística, como Fernando de Casas e Simón Rodríguez.

Como mestre do barroco, Leis explica que foi un artista orixinal e creativo na súa linguaxe ornamental, o que supuxo a consolidación do novo estilo barroco desde 1669 fronte a un clasicismo anterior máis austero. “Amosouse comprometido coa creación dunha linguaxe plástica renovadora que se converterá en canon estético asociado a Compostela primeiro e a Galicia despois” –explica–.

Como arquitecto, o profesor Leis destaca que é estruturalmente un “innovador que dota ás súas arquitecturas de novos valores máis aéreos, cunha gran variedade de estruturas e solucións inéditas ata entón en Galicia”. Tamén salienta que inaugurou unha valoración da materia prima que se converterá en sinal de identidade da arquitectura galega do XVIII.

Asegura que foi tamén un urbanista consciente que valora o embelecemento da cidade nas súas intervencións, con fachadas que constrúen e complementan novos espazos urbanos. “Demostrou unha pericia técnica sobresaínte en estruturas que non foran antes practicadas e que se aprecia na coidada estereotomía das súas construcións, dominando tanto o entallamento como a arquitectura” –manifesta–.

 

Obra de Andrade na súa vila natal

O domingo abordaranse “Apuntes históricos sobre Andrade e a vila de Cee” que explicará o técnico de xestión cultural do Concello de Cee, Víctor M. Castiñeira.

Esta conferencia centrarase na biografía de Domingo Antonio de Andrade tendo en conta o contexto histórico que lle tocou vivir. Castiñeira falará de como era a vila de Cee naquel intre, a súa situación xurisdicional baixo o señorío do arcediago de Trastámara, a evolución da súa poboación, os seus sectores produtivos principais (pesca e tecidos…), a relixiosidade da época e a relación fluída de Andrade cos seus conveciños, mesmo despois de instalarse a vivir na cidade de Santiago. Tanto foi así, que, segundo indica Castiñeira, unha das súas primeiras obras fóra de Compostela foi o altar para a capela maior da igrexa da Xunqueira na súa vila natal.

E non sería o seu único traballo en Cee. A finais do século XVII, Castiñeira lembra que o arquitecto realizou outro retablo, neste caso para a confraría de Ánimas, xunto con outra serie de ornamentos litúrxicos, e a comezos do século XVIII unha lámpada de prata, sendo ésta un exemplo máis de Andrade como artista multidisciplinar.

 

O 12 de novembro, data do aniversario da morte do gran arquitecto do Barroco, a institución celebrará un acto na Catedral de Santiago para lembrar a súa figura e o esplendor da súa obra

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu prorrogar ao 2021 as celebracións que ían ter lugar este ano con motivo do Día das Artes Galegas, dedicado nesta edición ao arquitecto ceense Domingo de Andrade, actividades que teñen como obxecto o estudo, a difusión e a posta en valor de canto significa a vida e a obra deste representativo arquitecto do barroco galego.

Ante a situación creada pola pandemia do COVID-19, a xunta de goberno da Academia reuniuse a principios de xuño para tomar a decisión de aprazar a celebración do Día das Artes Galegas pola imposibilidade de seguir co seu programa de actividades e actos de celebración. O presidente, Manuel Quintana Martelo, destaca que, dada a importancia da figura de Domingo de Andrade nos ámbitos internacional e galego do Barroco, e co fin de non deslucir a súa homenaxe e poder desenvolver toda a programación de maneira correcta, a Academia acordou esta resolución. Ademais, o feito de ter xa aprazado o acto central de homenaxe do día 1 de abril, e previndo as enormes dificultades para a elección dun novo homenaxeado en 2021, animaron á Academia a prorrogar un ano máis a Domingo de Andrade.

O presidente anunciou que o 12 de novembro, data que coincide co aniversario da morte de Andrade, a Real Academia Galega de Belas Artes celebrará un acto na Catedral de Santiago para lembrar a súa figura e o esplendor da súa obra.

 

 

Deixa un comentario

TurismoCee