FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. O POETA DE VALDEORRAS
As Letras Galegas deste ano 2022 van dedicadas á figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). A súa biografía, como sucedeu con outros autores recentes (Antonio Fraguas, Ricardo Carvalho Calero), percorre practicamente todo o galeguismo do pasado século XX, con experiencias ilusionantes como o Seminario de Estudos Galegos (1923), o rexurdimento literario dos anos 30 e a defensa do Estatuto de Autonomía de 1936, e momentos certamente dramáticos, moi principalmente a guerra civil (1936-1939) e o exilio.
Cando a Real Academia Galega valorou a proposta tivo en conta catro aspectos fundamentais. En primeiro lugar, a orixinalidade da súa produción poética, que comeza coa edición de Bebedeira, en 1934, e que se desenvolve con distintos rexistros ata case o final da súa vida: Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981), O soño do guieiro (1986); unha obra que se inspira nos valores da súa terra de Valdeorras, nas paisaxes, nos costumes, nos tipos humanos, mais que non renuncia a outros rexistros, en parte, froito das circunstancias vividas: poesía política, denuncia e crítica social…
En segundo lugar, a súa defensa e militancia a prol dos valores democráticos nun tempo ben adverso, valores aos que endexamais renunciou e que mantivo acesos mesmo nas angosturas do desterro. As Letras Galegas detivéronse varias veces na exilio de Buenos Aires, mais é a primeira vez que visitan o exilio de México, onde tantas iniciativas naceron e se mantiveron activas durante anos: publicacións periódicas (Saudade, Vieiros), institucións ao servizo da cultura e a lingua (Padroado da Cultura Galega, Irmandade Galeguista, grupo Saudade, emisións radiofónicas como “A hora de Galicia”, celebración das Letras Galegas dende o 1963), proxectos editoriais como o Cancioneiro da loita galega (1943), traballos a prol dos dereitos e a identidade política de Galicia, nos que recoñecemos figuras como Carlos Velo, Luis Soto, Alexandre Finisterre, Francisco Comesaña, Luisa Viqueira, Caridad Mateos, Elixio Rodríguez, Yolanda López, Arturo Souto, Ramiro Illa Couto, Marcial Fernández, Ramón Cabanillas Álvarez (fillo do poeta Ramón Cabanillas), Xesús Bal y Gay, Carlos Tomé, Roxelio Rodríguez de Bretaña, os irmáns Ánxel e Demetrio Bilbatúa…, empresarios, escritores, xornalistas, cineastas, editores, activistas políticos, músicos…
Outro aspecto importante son as terras de Valdeorras, na estrema oriental de Galicia, coa súa cultura, as súas tradicións, o seu patrimonio histórico (material e inmaterial), a súa lingua… O galego destas comarcas exprésase vizosamente nos versos de Florencio Delgado Gurriarán: léxico, fonética, construcións sintácticas e morfolóxicas… A lingua son, fundamentalmente, os falantes, e a lingua das terras de Valdeorras, coa súa alegría e a súa singularidade, enriquécenos a todos. No ano 2002 as Letras Galegas viaxaron a Vilafranca do Bierzo co Padre Sarmiento. Este ano a festa será en Vilamartín de Valdeorras.
O cuarto aspecto que cómpre salientar, e non menor, é o entusiasmo, a colaboración, mesmo a demanda explícita que as institucións e as xentes dos concellos e as asociacións de Valdeorras lle transmitiron á Academia para que este ano 2022 fose o Ano Florencio. Foguetes nas parroquias, festa rachada que a institución quere compartir con toda Galicia, coas Galicias todas que son e como tales se recoñecen aquén e alén das fronteiras administrativas, como Florencio Delgado Gurriarán explica no poema “Galicia infinda”: a Galicia de Valdeorras, do Courel, da Terra Chá, do Val Miñor, do Ribeiro, das Mariñas, da Maía, da Ulloa, a Galicia das cidades (Compostela, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense), a Galicia das rías, a Galicia do mar e da montaña, mais tamén a que como tal se sente en Buenos Aires, Nova York, Caracas, Montevideo, Santiago de Chile, México, A Habana, Berlín, Bruxelas, Xenebra, Zürich, Barcelona, Madrid, París, Rotterdam, Londres, Sidney, São Paulo, Salvador de Baía… “O Gulf Stream é o noso río meirande”, escribe o poeta. Onde hai galegos e galegas conscientes do seu está Galicia. A Galicia infinda…
Víctor F. Freixanes
Presidente da Real Academia Galega