Máis de 2,4 millóns de euros para renovar a iluminación pública de Cee

O Concello prevé un aforro anual medio do 61% // Tamén se acondicionará a casa consistorial // O investimento quedará amortizado nun prazo de cinco anos

 

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, analizou coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, diversos proxectos medioambientais e enerxéticos nos que o Concello e o Goberno de España, cofinanciados ao 80% con fondos FEDER, investirán un total de 2.405.220,31 euros. A execución destas iniciativas suporá a renovación da totalidade da iluminación pública do municipio, ademáis de permitir un aforro enerxético de aproximadamente o 61% respecto ao consumo existente ata o momento, aínda que nalgúns dos proxectos esta porcentaxe chega ata o 82%.

En concreto, o Concello ceense plantexou trece proxectos de renovación da iluminación pública de todo o municipio, e xa foron autorizados doce deles, estando o restante en fase de revisión para a súa posible aprobación por parte do IDAE, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional FEDER, no marco do Programa Operativo de Crecimento Sostible 2014 -2020 , dentro das subvencións destinadas a entidades locais que favorezan a renovación das instalacións de iluminación pública exterior baixo criterios de eficiencia enerxética.

Renovarán as instalacións de iluminación exterior tanto no núcleo urbano como en zonas rurais. Os plans afectan a Fadibón, A Grixa, Sicar, Escabanas, Ancares, Valiñas, Bermún, Gures, Ameixenda, A Pontella, Estorde, Toba, Tedín, e Canosa, ademáis de acometer melloras en diversas instalacións municipais coma a casa consistorial. En caso de que finalmente sexa autorizado o último proxecto, relativo á zona da Lobelos de Arriba, o investimento total sería de 2,57 millóns.

O Concello verase beneficiado por un considerable aforro económico no mantemento da iluminación pública xa que o gasto estimado anual de enerxía é de 157.586,35 euros e despois da renovación das instalacións pasará a ser de 53.491,43 euros, de tal forma que o investimento acometido poderá ser amortizado en cinco anos.

No caso da rehabilitación enerxética do edificio administrativo dos servizos municipais da casa consistorial a actuación consistirá na instalación dun illamento térmico no exterior, a substitución da cuberta e a renovación das 104 ventás de carpintería, o que permitirá unha importante reducción das emisións de CO2 e un aforro enerxético do 50%.

Pilar López-Rioboo destacou a implicación do Ministerio de Transición Ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, cos concellos galegos e coruñeses, xa que son máis de 58 millóns de euros os destinados as entidades locais da provincia para a renovación enerxética e a creación de sendas e corredores verdes. Este investimento completase con outros 12 millóns aportados polos concellos e a Deputación.

Pola súa banda, a alcaldesa, Margarita Lamela, agradeceu de maneira especial o esforzo orzamentario do Goberno de España nunhas actuacións que incidirán de maneira directa nos veciños e veciñas do seu concello e que ademáis de supor un importante aforro para as arcas municipais terán unha influencia na mellora da súa calidade de vida e en aspectos como a seguridade cidadá.

Deixa un comentario

TurismoCee