O Concello de Cee publica a licitación de dous locais no Mercado Municipal de Abastos
O Concello de Cee vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación para a concesión de dous locais situados na planta baixa do Mercado Municipal de Abastos de Cee.
O obxectivo desta convocatoria é impulsar a revitalización e dinamización comercial do mercado, favorecendo o emprendemento local e o aproveitamento dos espazos públicos.
O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto dende o 12 ata o 27 de novembro de 2025, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público (https://contrataciondelestado.es).
Características dos locais obxecto de licitación
🥘 Posto A – Espazo Gastronómico
Este local conta cunha superficie de 124 m² cunha duración da concesión de 15 anos.
Está destinado a restauración e gastronomía en xeral, e dispón de dúas zonas comunicadas: unha para o servizo e estancia de clientes, e outra para a elaboración dos produtos.
O acceso pode realizarse tanto dende o interior como dende o exterior do mercado.
🛍️ Posto 1 – Nova creación (tipo quiosco)
O segundo local dispón dunha superficie de 24,40 m² tamén cunha duración de 15 anos.
Está pensado para florería, panadería, pastelería, tenda tipo quiosco ou actividades similares.
O posto conta cun espazo aberto de atención ao público e outro pechado de almacenaxe, ademais de tomas de auga e electricidade.

