Outono de monólogos

Monólogos con recoñecidos actores no mes de outubro na Casa de Cultura de Cee

Volta o teatro no mes de outubro a Cee da man de recoñecidos actores que traerán a Cee os seus novos espectáculos, desta vez en forma de monólogos, coa intención de facernos pasar unhas divertidas tardes de outono.

SÁBADO 12 DE OUTUBRO

QUICO CADAVAL Conta…

VACAS, GUERRAS, PORCOS E CREGOS

Quico Cadaval desenvolve dende os anos 90 do pasado século unha actividade como contador de historia e sucedidos. Este tipo de espectáculos, considerados a forma mais diminuta de teatro, son unha das mais poderosas chamadas á imaxinación do público, que ten que construir co narrador as imaxes da historia. Na actualidade a narración escénica ten un amplo circuito internacional ao que son convocados, con frecuencia representantes da arte de contar contos na Galiza. Desde fóra ven unha identidade estilistica ou un estilo nacional que nos singulariza no xénero da palabra viva.

Nos últimos anos Quico Cadaval, está transformando os seus repertorios en espectáculos de teatro, do teatro da palabra. No 2018 xirou “OS INOCENTES”, unha colección de historias acontecidas na guerra nosa do 36, protagonizadas por tres inocentes, que descubrian, dende as suas mentes brancas, o absurdo mecanismo co que as mentes intelixentes provocan a guerra e a desolación. Unha coidada luz e unha vontade nitidamente teatral aumentaban a maxia da evocación por medio da palabra. Neste 2019, e seguindo o mesmo estilo de OS INOCENTES, baixo o epigrafe QUICO CADAVAL CONTA… P.T. Excéntricas presenta VACAS, GUERRAS, PORCOS E CREGOS

Cadaval conta a historia dun antepasado, Xuán o Fino, que era un home bo coa familia, pacífico e bo viciño, amigo de facer favores. Unha personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o entorno do patriarca, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos. Son coprotagonistas da historia vacas, curas, mentireiros, sementais, barbeiros , porcos,artistas de cine e militares. Aparecerá o parto dunha vaca, a historia da prohibición da aguillada, o uso do xabrón como silenciador, o brutal acto inseminativo, un militar pasando ferias, as nenas vaqueiras, un crego que domina a Lüger e a retórica, un barbeiro profético, fenómenos extraños na noite de vodas, entre todas as personaxes desta fábula coral, destaca O Ghacheiro, un performer fedello, enredante e pícaro, que fai confluir, para asombro da veciñanza, unha das suas farsas co desembarque de Normandía, o seis de xuño de 1944. O teatro das operacións é a parroquia de Carreira 42º23’33”, xusto enfrente de Boston-Masachusetts.

VACAS, GUERRAS, PORCOS E CREGOS é o primeiro dos espectáculos de Excéntricas estreados en 2019 co motivo do seu 15º Aniversario (2004 – 2019). Foi estreado o 8 de xaneiro no Festival Poéticas Contemporáneas de Madrid. Tras Madrid estivo en diferentes festivais por toda a península como A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Sierra Encuentada (Huelva) ou no Singlot, o festival de humor creado e dirixido por Andreu Buenafuente e a súa equipa de El Terrat.

SÁBADO 19 DE OUTUBRO

MONÓLOGO DE DAVID PERDOMO

Estudou no Colexio Peñarredonda (A Coruña) e aos 19 anos comezou os seus estudos de Arte dramática na Escola Casa Hamlet da Coruña.

Durante os catro anos que estivo a se formar como actor, participou nalgunhas curtas e obras de teatro. Ao acabar no ano 2003, realizou diversos cursos en diferentes escolas de formación e especialización nos que chegou a ser alumno de Leo Bassi ou Churri Silva.

A súa popularidade foi crecendo en Galicia debido ás súas esporádicas aparicións na televisión autonómica e polos seus coñecidos e improvisados monólogos.

No ano 2009 comeza a traballar xunto a Xosé Touriñán e Roberto Vilar en Land Rober, exitoso programa galego. No ano 2010 a súa popularidade dispárase grazas a unha serie emitida unicamente en internet na que interpreta diversos personaxes entre os que destaca “Koruño”.

Un ano máis tarde, no 2011, recibe unha proposta de traballo por parte da produtora Mandarina para participar no programa “No le digas a mamá que trabajo en la tele” xunto aos cómicos Dani Rovira, Goyo Jiménez e Iñaki Urrutia.

O seu traballo máis recente podemos velo na TVG meténdose no papel de trece persoas e oficios en ‘Ecce Perdomo”.

SÁBADO 26 DE OUTUBRO

CONTOS DE CONTRABANDO

Un contrabandista é un comerciante que non xera lucros para o estado. Un conto é unha forma de rir da realidade, dos veciños e de nós mesmos sen poñer nomes. Unha especie de contrabando no falar, necesario porque ás veces damos pena e outras damos risa. E sempre é mellor rir aínda que sexa por non chorar.

Avelino González comezou a súa carreira no teatro en A Farándula (Vigo, 1980) compañía na que colaborou ata a súa desaparición. Fundador de Tranvía Teatro (1989) e de Ollomol Tranvía (1993) é un home consolidado no panorama escénico. Deu ó salto ó cine en 1987 con Gallego, no que ten feito filmes nos que destaca ?A ti como se che di adeus?. Na pequena pantalla ten actuado en programas (Arestora, Luar…), series na TVG (Mareas Vivas, Galicia Express, Serramoura, Padre Casares, Pazo de familia), en TVE (Seis Hermanas) e telefilmes (Condenado a vivir).

Na actualidade hai que salientar o seu traballo como narrador oral e traductor teatral.

O ciclo Monólogos de Teatro conta coa colaboración da Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia) e da Deputación de A Coruña (Rede Cultural). Todos os espectáculos están recomendados para maiores de 12 anos e comenzarán ás 20.15 horas. As entradas, á venta 30 minutos antes de cada función terán un  prezo de 5 euros (xeral) e 3 euros (bonificada para estudantes, desempregados e pensionistas).

Deixa un comentario

TurismoCee