Programación cultural Auditorio Baldomero Cores. Febreiro 2020

A programación cultural da primeira parte deste ano 2020, ven cargada por actividades que comprenden todas a franxas de idade.

 1 FEBREIRO

Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia. Auditorio Baldomero Cores, 19.00 horas.

Público familiar (de 4 a 12 anos): entradas a 2 e 3 €

Prods. Teatráis Excéntricas: CARTOÓNS

Víctor Mosqueira dirixe esta comedia, que el mesmo interpreta xunto a Josito Porto. Nela, danlles vida a dous clowns que viven fóra do sistema, rodeados de cartóns. Mais para eles, o que a sociedade considera lixo é unha materia prima moi valiosa para facer todo tipo construcións e aparellos.

A escenografía é de Marcelino de Santiago Kukas, mentres que Quico Cadaval colaborou neste espectáculo prestando apoio á dirección.

8 FEBREIRO

Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia. Auditorio Baldomero Cores, 20.30 horas.

Público adulto (a partir de 13 anos): entradas a 3 e 5 €

Ainé Prods. : O MONTACARGAS

Protagonizda por Santi Romay e Federico Pérez, (The Dumb Waiter) é unha obra teatral escrita nun só acto por Harold Pinter no ano 1957 e que foi enmarcada polo teórico Martin Esslin dentro da corrente dramática “Teatro do Absurdo”. Mentres avanzan no diálogo, Pinter dános a entender que se tratan de dous asasinos a soldo á espera de misteriosas ordes que unha organización ten que transmitirlles. A tensión da espera desemboca nunha conversa intranscendente. A historia avanza cando, por medio dun montacargas, comezan a chegarlles mensaxes e pedidos que parecen ser un xeito de comunicación de persoas que habitan na parte superior da estancia na que se atopan eles. O único que saben da súa futura vítima é que aparecerá dun momento a outro.

15 FEBREIRO

Auditorio Baldomero Cores, 20.30 horas.

Público adulto (a partir de 13 anos). Entrada gratuita

PREMIOS DARWIN. A TOURNÉE.

Narración oral xunto con proxección dos capítulos e posterior charla. Sabémolo. Galicia é terra de tradicións fondas. E quen ía dicir que dúas das máis potentes podían confluír nunha soa serie. Pois nós. Nós imos dicilo. Tradición oral. Se nun lugar se contan historias, é acó. Se nalgures ten relevancia o nome das parroquias, o mote dos veciños ou cantos eran de familia, iso pasa nesta Galicia que herdamos dos nosos bisavós. Que lles falaron aos nosos avós e eles aos nosos pais. Que usaron lareiras e tabernas como lugar de encontro e como celebración do anecdotario. Morte. O culto á morte en Galicia é a un tempo sagrado, social e tabú. En ningures se esmera tanto a xente en ter limpa a lápida o Día de Defuntos, tampouco en ningures a xente conta tantas historias e ri de tal xeito no propio velorio, tampouco en ningures se cala e omite o tema… como acó. Ben, pois se xuntamos ambas tradicións, que falan do noso carácter, temos Premios Darwin.

Unha miniserie de tres capítulos escritos con unha rica variedade estilística que irá dende o cinema mudo, con comedia slapstick de comezos do século XX, pasando polo xénero policíaco dos 80, ata unha homenaxe ao cinema de desastres tan en voga nos anos 70. Tres xeitos moi diferentes de abordar capítulos autoconclusivos. Historias encarnadas por algúns dos actores e actrices máis queridos do audiovisual galego.

Deixa un comentario

TurismoCee