Co gallo da conmemoración do próximo 25 de novembro “Día da loita contra a violencia de xénero”, a Deputación da Coruña pon en marcha unha campaña online e colaborativa baixo o lema: “De fronte á violencia de xénero”, á que poden adherirse entidades públicas e privadas que conta cun programa de actividades online, dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, e apela directamente á participación e implicación social. Na web defronte.gal podes seguir a campaña e adherirte a ela, así como na web e nas redes de Facebook, You tube e Twitter da Deputación da Coruña.
Mediante esta campaña procúrase promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Entre os seus obxectivos tamén se encontra a sensibilización social fronte á violencia de xénero, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.
Programa
Contaremos con tres palestras informativas, un concurso de desafío poético, unha actividade colectiva de papiroflexia e un contacontos.
A partir do día 4 de novembro se ofrecerán online e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.
O Desafío poético, é un concurso que se desenvolverá entre o 4 e o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia.
Entre o 9 e o 15 de novembro desenvolverase unha actividade, guiada por Palmira Castro, de narración poética para todas as idades, conxuntamente cunha acción colectiva de origami nas redes sociais.
Para público infantil e familiar, ofrécese “Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.
Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.
Lembrade que podedes compartir nas redes a campaña, así como a vosa participación, a través do cancelo #defronte.