Normativa
Prazo
30/09/2020
Obxecto
Concesión de axudas ao aluguer, mediante adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do COVID–19 teñan problemas transitorios para atender ao pago parcial ou total do aluguer.
As axudas terán carácter finalista, e por tanto non poderán aplicarse a outro destino que o pago da renda do aluguer, ou a cancelación, total ou parcial, das axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real Decreto-lei 11/2020.
Definición da situación de vulnerabilidade económica para os efectos de obter estas axudas
De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19 requirirán, para os efectos de obter axudas en relación coa renda do alugueiro da vivenda habitual, a concorrencia conxunta dos seguintes requisitos:
- Que a persoa que estea obrigada a pagar a renda de alugueiro pase a estar en situación de desemprego, expediente temporal de regulación de emprego (en diante, ERTE) ou reducise a súa xornada por motivo de coidados, en caso de ser empresario, ou outras circunstancias similares que supoñan unha perda substancial de ingresos, e non alcanzar por iso o conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar, desde a declaración do estado de alarma e ata un mes despois da súa finalización:
- Con carácter xeral, o límite de 3 veces o IPREM.
- Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada fillo a cargo na unidade familiar. O incremento aplicable por fillo a cargo será de 0,15 veces o IPREM por cada fillo no caso de unidade familiar monoparental.
- Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada persoa maior de 65 anos membro da unidade familiar.
- No caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade igual ou superior ao 33 %, situación de dependencia ou enfermidade que o incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe 1) será de 4 veces o IPREM, sen prexuízo dos incrementos acumulados por fillo a cargo.
- No caso de que a persoa obrigada a pagar a renda de alugueiro sexa unha persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65%, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente a persoa ou o seu coidador para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe 1) será de 5 veces o IPREM.
- Que a renda, máis os gastos e subministracións básicas, do mes anterior á solicitude da axuda resulten superiores ou iguais ao 35 % dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar. (custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de propietarios)
Beneficiarios
As persoas físicas que, na súa condición de arrendatarios de vivenda habitual, acrediten estar en situación de vulnerabilidade económica e social sobrevinda como consecuencia do COVID-19.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
- Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
- Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.
- Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
- Estar en situación de vulnerabilidade económica.
- Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
- Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade familiar se encontren nalgunha das situacións que a continuación se indican:
- Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito tamén as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade familiar.
- Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa que teña a condición de arrendador da vivenda ou ser socias ou partícipes da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
- Ter sido obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa que lles sexa imputable.