Verán cultural 2024

O Concello de Cee presentou esta mañá a programación do Verán Cultural 2024

 

Baixo o título  Refréscate con nós nun mar de emocións. Agardámoste! presentouse este xoves 4 de xullo a programación cultural do Concello de Cee para este verán.

O acto contou coa presenza do técnico, Víctor Castiñeira, a concelleira de Cultura, Educación, Turismo e Participación Cidadá, Luísa Rodríguez e a alcaldesa, Margot Lamela.

Luísa Rodríguez fixo unha ampla presentación dos principais actos dun extenso e variado programa, que a día de hoxe, e sen estar pechado totalmente, conta con 31 actividades, o que o converte nun referente en toda a Costa da Morte.

Teñen cabida no mesmo as diferentes artes escénicas, musicais, expositivas e ata cinematográficas, coa recuperación este ano do Cine na rúa a finais deste mes de xullo. Mes que principiou coa exposición“Musas, haberlas haylas” de Diego Pérez Carpeño que xa se pode ver desde este día 1.

A exhibición do alumnado do Club Arte e Movemento e a actuación do grupo vocal Eburnie de Costa de Marfil son outras actividades a destacar para dar paso a un mes de agosto repleto de eventos de todo tipo pero nos que a música xogará este ano un destacado papel da man do Ciclo de Música nas Prazas.

Actividades musicais itinerantes como as do Trio Máis Ritmo, a Lilicleta ou Cé  Home Orquestra, darán paso a concertos nos que poderemos escoitar a artistas de ampla traxectoria como Pepe Piña ou Carlos Bau, xunto a bandas de versións dos grandes éxitos das décadas dos 70, 80, 90 e 2000, tanto de música en español como en inglés.

Propostas como as de Los Alcántara, The Versionettes ou Os Piñeiros traerán un soplo de aire fresco musical ós seráns ceenses antes da chegada das festas. E antes das mesmas non faltarán á súa cita o Memorial de Bandas Manuel Rebollar, este ano con nova directiva, o Certame de Habaneras ou o Encontro de Música e Baile tradicional da man das asociacións culturais locais.

Despois das festas, chegará turno do teatro coa  X Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee, que se celebrará do 19 ó 24 de agosto e no que grandes compañías, directores, actrices e actores voltarán a situar á nosa vila no referente teatral galego durante toda a semana.

Remataremos o mes coa programación de Cultura no Camiño, na que un ano máis, as artes circenses, a maxia e a diversión serán protagonistas como colofón a dous intensos meses, e moi especialmente o de agosto, de programación cultural no Concello de Cee.

O acto pechouse coa intervención da alcaldesa, Margot Lamela, que comenzou poñendo en valor o traballo realizado pola Concellería de Cultura para continuar salientando algunhas das actividades como o Memorial Manuel Rebollar, agradecendo á nova directiva de Amigos da Banda o seu traballo, ou o tradicional Encontro das agrupacións culturais locais. Asociacións, ademáis que amenizarán, en diferentes datas dos meses de xullo e agosto, o mercadillo dominical como un reclamo turístico máis do noso Concello.

Tamén adiantou como primicia dúas actividades: en primeiro lugar a recuperación da sardiñada do Carme, que este ano grazas a unha nova comisión, se recupera o sábado 20 de xullo e, en segundo lugar, o I Ciclo de Conferencias sobre a Saúde,  organizado polo fillo ilustre de Cee, o Doutor Francisco Blanco.

Finalmente, lembrou como antesala das festas o acto do pregón, organizado por Alcaldía. Á falta de coñecer ó pregoeiro/a deste ano, Margot si avanzou que ese día actuará a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos de Tui,  que o ano pasado estreou unha peza adicada ó noso concello.

Rematou a súa intervención desexando un feliz verán a todos convidando a veciños e visitantes a desfrutar dunha vila na que a cultura é símbolo de excelencia.

 

 

 

 

 

Deixa un comentario

TurismoCee