Atópase na parroquia de Santiago de Ameixenda, nun pequeno afloramento rochoso da costa, fronte ao castelo do Cardeal (Corcubión). Ambas fortalezas defendían a ría de Corcubión das invasións piratas. Son moitas as lendas arredor destas fortificacións, unha delas conta que había unha gran cadea de ferro debaixo do mar, unindo ambos puntos, esta cadea tensábase ante o avistamento de barcos inimigos provocando así o seu naufraxio.
O Castelo do Príncipe, bautizado en homenaxe ao futuro rei Carlos IV, foi mandado construír por Felipe V, aínda que a súa execución foi aprazada para os tempos de Carlos III. A fortaleza foi deseñada polo enxeñeiro Llovet en 1740, rematando a obra o francés Carlos Lemaur baixo o reinado de Carlos IV, no ano 1751.
É unha pequena fortificación, estaba equipada con 88 homes e 12 canóns. Ten un patio central e un edificio de planta baixa en forma de “U”. No adarve ou parte superior colocáronse os escudos, 14 pezas de artillería que se elevaban da parte inferior por unha rampla, hoxe desaparecidas.
No século XIX a fortaleza quedou abandonada, sendo habitada posteriormente e construíndose un miradoiro modernista, cunha escaleira de caracol que dá acceso a un balcón. Foi restaurado nos anos 1985-1986 e pasou por diferentes propietrarios
En 1994 foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) pola Xunta de Galicia, formando así parte do patrimonio cultural galego.