Historia

Prehistoria

Mámoa de Pedra Alta.
Mámoa de Pedra Alta.

Cee conta con vestixios de poboamento desde moi antigo. As mámoas atopadas en San Pedro Mártir e Bermún datan do 4500 – 2500 a.c.

Os pobos prerromanos que poboaron estas terras foron os nerios, dos que temos constancia polos restos dos castros atopados en O Son, Vilar de Toba, Bermún e Lires.

Idade Media

Igrexa de Toba
Igrexa de Toba

Na Idade Media, hai referencias ao redor do século XII que falan de Cee como unha pequena vila agrícola que comezaría a crecer pola presencia nela do arcediano de Trastámara, que construíu nela a súa residencia señorial. A vila foi abríndose ao mar de vagar ata facer del un ben económico.

Como exemplo de románico contamos coa Igrexa de Toba (s. XII) e como exemplo do gótico contamos coa propia Igrexa de Cee (na súa capela maior).

Idade Moderna

Na Idade Moderna, a vila de Cee vaise consolidando como un núcleo de poboación importante. O casco antigo déixanos entrever como era a arquitectura da época, con casas de pedra labrada integradas nun contorno de rúas estreitas, e pequenos patios e prazas.

Desta época datan moitos dos lugares de interese de Cee, dos que podemos destacar o Campo do Sacramento (onde está emprazada unha Virxe da Piedade que pertencía a unha antiga capela adicada a Magdalena), as igrexas de Pereiriña, Brens, Lires e Ameixenda, a Casa Mosteirín (edificio residencial do século XVIII) e o pazo de Cotón, exemplo magnífico do barroco galego.

Castelo do Príncipe de Ameixenda
Castelo do Príncipe de Ameixenda

Tamén desta época é o Castelo do Príncipe de Ameixenda, que tomou o seu nome do que fora rei, Carlos IV. Este castelo formaba parella co do Cardenal, situado en Corcubión, ao outro lado da ría, e tiña unha misión defensiva da ría.

Un dos persoeiros máis relevantes da historia da vila foi Domingo Antonio de Andrade (1636 – 1712), excepcional arquitecto e escultor que traballou na Catedral de Santiago de Compostela, na escaleira de caracol de Santo Domingo de Bonaval, o baldaquino da Catedral de Ourense, etc.

Idade Contemporánea

Museo Fernando Blanco
Museo Fernando Blanco

A época contemporánea ábrese coa invasión francesa de abril de 1809, que deixou un rastro de morte e destrución na vila. Esto uniuse á crise das pesquerías de mediados do XIX, e provocou a emigración de moitos veciños da vila. Un exemplo foi D. Fernando Blanco de Lema (1796 – 1875), que fixo a súa fortuna en Cuba e donou gran parte dela para a construción dun colexio (inaugurado en 1886) que segue sendo agora mesmo un importante referente cultural da vila: o Museo Fernando Blanco.

Este museo atópase no Paseo da Alameda, un dos lugares máis interesantes da vila, engalanado con preciosos edificios do século XIX, como a Casa Mayán, de estilo tradicional con galerías e balcóns, ou do século XX, como a Casa Guillén ou a antiga Casa do Concello que acolleu ata o 2015 a sede da Escola de Música de Cee.

Actualidade

Actualmente Cee é un centro de servicios na Costa da Morte, contando co Hospital Virxe da Xunqueira, gran cantidade de locais de ocio (hoteis, restaurantes, pubs, discotecas…), e unha importante oferta cultural, educativa e deportiva. Ademais, Cee conta cunha ampla variedade de praias, como a de Gures, que pola súa situación ao abrigo dos ventos é moi concurrida, ou a de Estorde, que conta cun cámping nas proximidades. Finalmente podemos destacar a praia de Lires, que consta dun amplo areal partido en dous pola desembocadura do río Castro.

Centro de Cee
Centro de Cee

A oferta ao visitante complétase coas fermosas áreas de descanso coa que conta a vila. Os seus accesos están ben sinalizados e podemos visitalas en A Ameixenda, Toba, A Pereiriña, Tedín, A Canosa (Lires) e no paseo marítimo de Cee. Todo esto, xunto cunha ampla oferta hoteleira, convirte a Cee nun lugar idóneo para visitar a vila e toda a Costa da Morte, que conta con innumerables lugares de extraordinaria beleza: Monte Pindo, Igrexa de San Marcos en Corcubión, Santuario da Virxe da Barca e do Cristo de Fisterra, Castelo de Vimianzo…

Crédito das imaxes:

TurismoCee