Cee é paso obrigado para aqueles camiñantes que, despois de render culto ao Apóstolo en Santiago, dirixen os seus pasos cara ao Finisterrae medieval, onde se atopan os coñecidos santuarios do Cristo de Fisterra e da Barca de Muxía.
A ruta xacobea de Fisterra- Muxía abrangue un total de 10 concellos. Co seu inicio en Santiago de Compostela, o Camiño chega a Fisterra (onde o Apóstolo destruiu un templo pagán no que se facían cultos ao Sol, o Arasolis) e Muxía (onde se lle apareceu a Virxe) pasando por Ames, Brión, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee e Corcubión.
Unha vez deixada atrás a capela das Neves, no Concello de Dumbría, entramos no Concello de Cee polo Monte de San Pedro Mártir, onde atopamos unha ermida moi antiga adicada a este santo ao carón dunha fonte milagreira para as doenzas de reuma, pés e verrugas. Ata finais do século XV, esta pertenceu, xunto coas de Refoxos e Cee, ao arcediago de Trastámara. Nese momento, tivo lugar a cesión da mesma aos bens da igrexa de Pereiriña a cambio de que se fixesen os arranxos necesarios para poder seguir celebrando os oficios relixiosos.
Continuando cara o sur, no alto do Cruceiro da Armada, pódese contemplar o Cabo Fisterra na inmensidade do Océano Atlántico, que se divisa por primeira vez no Camiño.
Unha vez que se chega ao núcleo urbano. o Camiño segue polo Campo do Sacramento, a rúa Magdalena co seu fermoso Pazo de Cotón e un cruceiro ao carón da Fonte Penín, para chegar finalmente á Parroquia – Santuario Nosa Señora da Xunqueira que, a pesar das desfeitas cometidas polos franceses durante a invasión napoleónica, conserva a súa cabeceira gótica.
Tamén a poucos quilómetros de Cee, aínda que temos que separarnos do Camiño, podemos visitar na parroquia de Ameixenda a igrexa dedicada a Santiago, na que se custodia unha reliquia cun dedo de Apóstolo. Unha vez feita a visita a esta igrexa, podemos achegarnos ata o miradoiro de Gures, onde merece a pena deterse para contemplar o plácido atardecer sobre as tranquilas augas que se extenden desde a ensenada fisterrá ata a beira oriental da ría de Cee e Corcubión, ao pé do sorprendente Monte Pindo.
A importancia de Cee neste Camiño de Fisterra e Muxía están ben contrastada documentalmente e durante a época moderna chegou a contar cun pequeno hospital para peregrinos. Na actualidade, coa revitalización das rutas xacobeas, centos de peregrinos seguen as pisadas de antigos crentes que visitaron estas terras e atopaban na nosa vila un pouco de descanso para retomar, con novos folgos, a última etapa do percorrido antes de chegar ao fin da terra.