Cruceiro da rúa Madalena

Situado no casco urbano de Cee, ao lado do Pazo Cotón. Cruceiro de tipo de Crucifixo que ten por plataforma unha fonte con dous canos para saída da auga pola parte do reverso da cruz e encima da fonte unha pilastra de pedestal, cadrangular con remate moldurado e paramentos recadrados. O varal é circular e que contén dúas imaxes; a de Santa Catarina e outra que está rota, faltándolle a cabeza e os pés. O capitel é cilíndrico con astrágalo circular e liso. Contén volutas, follas de bordes lobulados e querubíns. O ábaco é de lados rectos. A súa cruz é circular rematando con flores. Polo anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e un pergamiño coas siglas INRI. O seu pano de pureza fica anoado á dereita. Polo reverso da cruz está a Inmaculada, coroada, coas mans xuntas e coa lúa ós seus pés sobre unha peaña dun anxo con ás. O cruceiro é todo de granito cun bó estado de conservación.