Situado no cemiterio de Cee, na parroquia de Santa María da Xunqueira, antigamente estivo situado na alameda. Cruceiro de tipo de crucifixo con plataforma de pilastra sen pedestal. O varal empeza no seu primeiro cuarto, cadrangular e recadrado para logo seguir no resto circular con estrías disminuíndo a súa sección ata o capitel. O capitel é cilíndrico con astrágalo circular e liso, ten volutas e follas de bordes lobulados con querubíns. O ábaco é de lados curvos cos vértices achafranados. A cruz é cadrangular cos brazos con mediacana e con remates decorados. Polo anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e unha cartela coas siglas INRI. O seu pano de pureza vai suxeito cunha corda. Polo reverso da cruz fica a Virxe n actitude de orar sobre unha peaña con follas e coas mans en cruz sobre o peito. O cruceiro é todo de granito cun bó estado de conservación.