En Caneliñas (parroquia da Ameixenda) estivo a maior factoría de procesamento de baleas da Península Ibérica, a de maior duración de España e a última en pechar de toda Europa.
A primeira etapa foi de 1924 a 1927, baixo a Compañía Baleeira Española, creada con capital Noruegués, que se instalou nun espazo ocupado por unha salgadura propiedade de Andrés Cerdeiras Pose.
O emprazamento era estratéxico para o procesamento de baleas, pois tratábase dunha enseada protexida dos ventos, con bo calado e localizada nunha zona de gran abundancia de cetáceos.
As baleas eran cazadas nas costas próximas por barcos especializados, transportábanse a Caneliñas e alí procesábanse para a obtención aceite e outros derivados. Nos primeiros tempos, tamén se aproveitaban as barbas das baleas para a confección das armazóns dos corpiños das mulleres.
Porén, os métodos de caza intensiva dos noruegueses minguaron rapidamente a poboación local de cetáceos e a explotación tivo que pechar ao pouco tempo.
A segunda etapa arrancou no ano 1951 cunha nova empresa, a Industria Ballenera Sociedad Anónima (IBSA). Nesta época ampliáronse as instalacións e melloráronse os métodos de aproveitamento das baleas. Co tempo, ademais de aceite obtivéronse fariñas, fertilizantes e en contadas ocasións pezas de ámbar gris, que ás veces podía atoparse nos intestinos dos cachalotes, e era moi cotizado pola industria cosmética.
Xa na década de 1970 a orientación da factoría mudou ao encamiñarse a súa produción cara a venda de carne ao mercado xaponés.
O fin de Caneliñas chegaría no ano 1985. Nesa época, a presión do movemento ecoloxista contra a caza de baleas e a moratoria imposta ás capturas pola Comisión Baleeira Internacional derivaron no peche da planta. A derradeira balea cazada e procesada nas instalacións foi unha femia de rorcual común de 17,7 metros morta o 21 de outubro de 1985.
Na actualidade aínda se conservan boa parte das instalacións tanto dos primeiros tempos, como da época de IBSA, como o peirao para atraque das embarcacións; un almacén para os refugallos transformados en fariñas e fertilizantes; un gran edificio que foi usado primeiro como vivenda e posteriormente como oficinas; a rampla de izado das baleas, a zona de despezamento, alxibes, e depósitos de aceite entre outros.
Para saber mais [gal]
Find out more [eng]