Esta pequena Igrexa está situada no lugar da Grixa, Brens. En canto á cronoloxía, sitúase na Idade Moderna (S.XVI-S.XVIII).
Estruturalmente, consta dunha capela maior rectangular, cuberta por unha bóveda de canón de cantería, e un corpo basilical que se divide en tres naves, froito dunha ampliación que data do ano 1956.
No seu interior, destaca o retablo maior, no cal se aprecian elementos decorativos como placas ou estípites ligados aos artistas composteláns Simón Rodríguez e Casas e Novoa. No nicho situado no panel central do corpo principal, preside a escena a imaxe de Santa Eulalia (Santa Baia) con coroa de prata, palma do martirio e libro. Esta escultura constitúe un dos maiores fitos do Barroco que conservamos no Concello.