Igrexa de Santiago de Ameixenda

Situada na parroquia de Ameixenda é unha igrexa de estilo barroco do século XVIII, no interior é interesante o retablo maior por estar realizado en granito, é de estilo barroco e está presidido por unha imaxe sedente do Apóstolo Santiago como corresponde a un templo da ruta de peregrinación a Compostela, esta imaxe semella unha imitación do Santiago de pedra da sacristía do altar maior da catedral compostelá.

A igrexa é de planta rectangular dunha soa nave coa sancristía pegada ó muro leste. A capela maior, de grandes dimensións e planta rectangular, cóbrese con bóveda de canón reforzada mediante un arco perpiaño. A nave central, logo da restauración, presenta unha cuberta sostida por cimbras de madeira. No ano 1957 as reformas dan lugar a unha estrutura en tres naves, ó derribar os muros primitivos e ampliar a capacidade do templo mediante dúas naves laterais. Sobre o muro sur levántase a torre das campás con dous corpos, o inferior formado por catro arcos de medio punto sobre piares; o superior forma o remate da torre e ten forma piramidal.

Polo que destaca esta igrexa é porque garda nun pequeno relicario de prata un fragmento óseo que as lendas e tradicións locais atribúen a unha parte do corpo de Santiago Apóstolo, concretamente o dedo maimiño. Sen dúbida é único xa que as reliquias do Apóstolo, salvo casos puntuais, foron sempre gardadas celosamente en Compostela con afán de exclusividade.

https://goo.gl/maps/VSUQeE6oAZueahVn8