Situada na parroquia de Toba e dedicada a Santo Adrián, é unha igrexa de orixe románico, do século XII, con planta de cruz latina e cunha ábsida de reducidas dimensións. A nave presenta unha notable desproporción con respecto ó cruceiro, formado por dúas capelas moi pequenas. No interior destaca a imaxe barroca de Santo Adrián. A igrexa foi remodelada no século XVIII predominando hoxe en día o estilo barroco.
Ao lado da igrexa atopamos un hórreo de 13 pares de pes coñecido como Canastro de Caamaño. O hórreo de Toba ten 15 m de lonxitude e está sostido por 13 pares de pés que o separan do corpo cos tornarratos. Ten dúas portas nun lado e a cuberta é a dúas augas con tella do país. Na parte superior dos cumios hai un adorno a cada lado, unha cruz e un pináculo.
Moi preto desta igrexa atópanse os muiños de Toba.