Situado ao longo dos lugares de Gures e A Ameixenda, atópase un dos poucos espazos naturais conservados; o Monte de Banle. Trátase dunha paisaxe practicamente virxe, cunha ampla extensión protexida pola Rede Natura.
Este escenario é berce de multitude de mananciais e pozos de auga que dan vida a un ecosistema que se está a extinguir na Unión Europea caracterizado por unha extensa mostra de fauna e flora autóctonas. Neste territorio conviven cabalos, vacas e corzos entre outros animais. Así mesmo, é sobrevoado por lavercas e aguias cobreiras.
Ademais, o recente descubrimento de xacementos rupestres atopados no seu seo, converteu a Banle nunha localización clave para a investigación das antigas civilizacións que habitaron o lugar.
Por se isto fora pouco, Banle é a escena dunha das lendas máis arraigadas na tradición oral da Ameixenda. A veciña Xoaquina Outes transformou en poesía unha das historias que se viñan contando nas casas antano.
A narrativa falaba de cómo Santiago Apóstol librou unha batalla contra os paganos no monte que cobre á aldea. Ao dispoñerse a atacar, o cabalo branco colleu impulso para dar un salto glorioso. Neste acto, deixou a súa pegada gravada na pedra que pisaba. Sorprendentemente, entre os descubrimentos achados no Monte de Banle, existe unha pedra que posúe unha erosión natural coa forma dun casco de cabalo.