Pazo Cotón

Situado na Praciña de Fonte Penín, datado no século XVIII, é de estilo barroco. Presenta un aspecto singular entre campesiño e urbano. A planta é practicamente cadrada cun mordido no edificio lindeiro co que comparte medianeira. O acceso a planta faise desde unha escalinata que ten unha balaustrada. Conta con dous balcóns, un na fachada principal sostido por canzorros de pedra e outro na lateral, esta parte do edificio emprega no muro o granito en pezas de cantería irregular mentres que o resto se constrúe en cantería, quedando nos dous casos á vista. Os balcóns están inspirados xunto ca balaustrada no barroco compostelán.

A cuberta está trazada a tres augas con tella do país. A disposición dos ocos responde a criterios funcionais, sen ritmo definido.

Na cornixa podemos observar varias gárgolas, o lintel da porta na primeira planta ten labrada unha figura antropomórfica, conta tamén cunha cheminea e un brasón que reflicte os liñaxes que estiveron vinculados ó pazo: Leis, Bermúdez de Castro, Pardiñas, Rioboo e Castro.