PEL – Reactiva

BASES REGULADORAS DAS AXUDAS PARA A REACTIVACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL DO CONCELLO DE CEE.

(AXUDAS DE CONCELLOS ADHERIDOS AO FONDO DE FINANCIAMENTO PARA A REACTIVACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL DA PROVINCIA)

OBXECTO E FINALIDADE

 O obxecto destas bases é regular as axudas a conceder polos concellos adheridos ao Fondo de Financiamento promovido pola Deputación da Coruña, aprobadas coa finalidade de impulsar a actividade económica e o emprego nos seus termos municipais e contribuír a paliar na medida do posible os danos derivados da pandemia da COVID-19, nas microempresas e autónomos/as.

 

A finalidade destas axudas é facilitar medios ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia ou autónomas dos municipios adheridos ao Fondo de Financiamento, para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19, e contribuír á súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico.

ÁMBITO DE APLICACIÓN 

Poderán acollerse a estas axudas, as persoas físicas ou xurídicas que reúnan a condición de persoa beneficiaria segundo o disposto na Base 4ª.

PERSOAS BENEFICIARIAS

Beneficiarios/as

Estas axudas van dirixidas a persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se atopen nalgún dos supostos indicados a continuación:

  • Grupo I: Que se visen afectados polo peche en virtude do disposto no RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e a súa modificación aprobada no RD 465/2020, do 17 de marzo.
  • Grupo II: Que non se visen afectados polo peche, pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos, nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma. Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta os seis meses naturais esixido para a acreditar a redución os ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o período de actividade.
  • Grupo III: Que se viran na obriga de acollerse a un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego), nos termos establecidos no RD 465/2020, do 17 de marzo.

Para os efectos destas bases, para a consideración de microempresa atenderase ao indicado no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) L 187, do 26 de xuño de 2014, segundo o cal a categoría de microempresa está constituída por aquelas empresas que ocupan a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non excedan de 2 millóns de euros.

Requisitos das persoas beneficiarias

Con carácter xeral, os beneficiarios/as das axudas, deberán cumprir cos seguintes requisitos:

  • Ter o seu domicilio fiscal no Concello de Cee como municipio adherido ao Fondo de Financiamento.
  • Non atoparse incursas en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT e coa TXSS.
  • Non ter débeda ningunha co concello.
  • Estar ao dia no cumprimento das obrigas tributarias coa CC.AA. de Galicia e coa Deputación da Coruña.
  • Cumprir coas obrigas establecidas na base 14.

Requisitos específicos das persoas físicas

Estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social, ou como mutualista de colexio profesional, con anterioridade á entrada en vigor do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Requisitos específicos das persoas xurídicas

A data de constitución da empresa, atendendo á data de primeira inscrición, no rexistro público correspondente, debe ser anterior á entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Exclusións

Quedan expresamente excluídas destas axudas as asociacións, as comunidades de propietarios, en réxime de propiedade horizontal, as administracións públicas, organismos públicos, entes dependentes, as congregacións e institución relixiosas, as Unións Temporais de Empresas, as comunidades de bens, as herdanzas xacentes así como as sociedades civís sen personalidade xurídica propia e demais entidades carentes desta.

Documentación que se ha presentar

  • NIF/NIE ou CIF segundo corresponda.
  • Designación de conta bancaria (Certificado de titularidade emitido pola entidade financeira)
  • Anexo VIII: Solicitude da axuda
  • Anexo IX: Declaración responsable do cumprimento de requisitos e obrigas.
  • Beneficiarios/as do Grupo I:
  • Certificado actualizado de Situación Censal da Axencia Estatal Tributaria.
  • Informe actualizado de Vida Laboral da Empresa, expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social no que se inclúa o seu número de traballadores/as
  • Beneficiarios/as do Grupo II:
  • Ademais da documentación indicada para o Grupo I, acreditación da redución de ingresos dende os seis meses previos á declaración do estado de alarma e ata a data de presentación da solicitude da axuda, mediante a presentación dalgún dos seguintes documentos: copia do libro de rexistro de facturas, libro diario de gastos, libro rexistro de vendas e ingresos e libro de compras e gastos, ou declaración de IVE, IRPF.
  • Beneficiarios/as do Grupo III:
  • Ademais da documentación indicada para o Grupo I, documento acreditativo da situación de ERTE.

FORMA E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de solicitude no concello por parte das microempresas e persoas traballadoras autónomas do termo municipal, iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia, da convocatoria específica de axudas do concello e finalizará ás 14.00 horas do día 25 de novembro de 2020.

As presentes bases, xunto co modelo de solicitude normalizado para a obtención das axudas, estarán dispoñibles na web municipal: https://cee.gal/gl/pel-reactiva/

As solicitudes, presentaranse por vía telemática a través da Sede Electrónica do concello, accesible a través do enlace https://sede.cee.gal utilizando o formulario normalizado de solicitude dispoñible na sede. Para a presentación de solicitude por medio electrónicos, é necesario dispoñer dos certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de sinatura electrónica.

A presentación da solicitude de subvención fóra do prazo establecido e a non utilización, no seu caso, do formulario normalizado de uso obrigatorio, serán causa de inadmisión da solicitude.

Prazo de solicitude: dende 05 de novembro ata as 14:00 horas do día 25 de novembro de 2020, a través da sede electrónica do concello de Cee . 

Consulta íntegra das bases reguladoras das axudas para a reactivación económica e social do concello de Cee (PEL-Reactiva)

Consulta íntegra das bases reguladoras das axudas para a reactivación económica e social do concello de Cee (PEL-Reactiva)

TurismoCee