A ría de Cee e Corcubión baña os concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Dumbría e Carnota. Deseña un arco que se prolonga cara ao sur. Presenta unha forma aberta que é, en realidade, unha ampla enseada protexida polo apéndice pétreo do cabo Fisterra que, ao alongarse cara ao sur, pecha un espazo mariño.
Na paisaxe, o rochedo maniféstase de xeito nítido e, ao mesmo tempo, cambiante. No monte Pindo dominan os relevos labrados na rocha granítica (gran protagonista do territorio). Sobre uns poucos quilómetros, gradúanse en altitude cumes rochosos, simulando castelos rematados, laxes alongadas, cúpulas redondeadas, figuras de seres fantásticos, pedregais… Ademais, dende o seu cume, na Moa, a máis de 600 metros de altitude, contémplase unha vista incriblemente fermosa, coa aldea do Pindo aos seus pés e o cabo Fisterra, ao fondo.
No medio desta paraxe excepcional, precipítanse as augas do río Xallas. A Fervenza, en Ézaro, é sen dúbida un dos recantos máis espectaculares da costa galega.
Cee atópase no inicio desta ría, dende a Casa da Cultura do Concello de Cee temos unhas preciosas vistas da ría ao utilizar o ascensor, tamén podemos gozar destas preciosas vistas dende as plantas máis altas deste edificio. Outra boa opción para gozar da beleza da ría son os miradoiros de Gures e San Pedro Mártir.