O 17 de maio festexamos o Día das Letras Galegas, celebración que naceu no ano 1963 por decisión da Real Academia Galega co obxectivo de facer unha festa de cultura ao redor da memoria dun personaxe que escribise en galego. Deste xeito, pretendíase render tributo a todas as persoas que ao longo da súa vida traballaron a prol da lingua galega e tamén, homenaxear a ese pobo que soubo gardar a nosa fala durante séculos, para que chegase a nós coa vitalidade e a fortaleza suficiente. Agora tócanos a nós salvagardala e proxectala no futuro.
Escolleron o día 17 de maio, porque nesa data de 1863, publicouse o libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, primeira obra mestra da literatura galega contemporánea.
O primeiro ano dedicouse a Rosalía de Castro, o segundo a Castelao, o terceiro a Eduardo Pondal,…e así, un a un (coa excepción do ano 1998, edición na que houbo unha homenaxe colectiva a tres trobadores), foron homenaxeados 60 autores (4 mulleres e 56 homes) nestes 58 anos. Uns eran escritores da época medieval, dos tempos das cantigas de amigo; outros do século XIX, tempo do rexurdimento; e outros máis recentes, do século XX, como é a que homenaxeamos este ano.
María Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña o 15 de xullo de 1957. Realizou estudos no colexio das Xosefinas e rematou a súa formación preuniversitaria no instituto Eusebio da Guarda, onde cursou COU. Dos seus pais, Rafael e María, herdou a afección pola música, pois adoitaban levala, canda a súa irmá Susana, aos ensaios das óperas que se representaban na cidade.
Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa en 1982. Posteriormente alcanzou o título superior en Violín no Conservatorio e pasou a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia. A música converterase nun trazo esencial que vai transcender á maior parte da súa creación literaria.
Exerceu como docente de lingua e literatura galega en varios centros ata que conseguiu o destino definitivo no instituto Isaac Díaz Pardo, de Sada. O seu alumnado lémbraa como unha firme defensora do ensino público, pois ela concibíao como un espazo onde se esborrallan as diferenzas e no que promover o debate e a reflexión crítica, o respecto e a escoita activa.
Aínda que recoñecida sobre todo como poeta, a súa produción literaria abrangue outros xéneros para os que realizou achegas fundamentais. Abordou o teatro (O paseo das esfinxes, Concerto para un home só, ou As certezas de Ofelia) e o ensaio (O outro lado da música, a poesía), ademais da narrativa, con pezas como “A taberna do holandés”, un relato ao que se lle concedeu un Accésit nos Premios Modesto Figueiredo en 1990, Silencio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) ou As chaves do tempo (2001).
En canto á poesía, Música reservada é o seu primeiro libro, publicado en 1991. Seguiríalle Ruído, que chega catro anos despois (1995). En ambos os dous, a palabra e a música, as súas grandes paixóns, xorden entrelazadas.
En 2004 sae á luz En concreto, o gran canto que lle dedica á Cidade Alta, na Coruña, o seu espazo de referencia vital e creativo. A publicación foi recoñecida co Premio de Poesía Espiral Maior ese mesmo ano. A cidade herculina é tamén o eixe central de, Papagaio, a obra máis conectada co pensamento feminista que sempre a acompañou. Nesta peza creada xunto coa fotógrafa Maribel Longueira, Luísa dálles voz ás prostitutas que habitaron o coñecido barrio coruñés. As palabras ingrávidas, poemario en forma de almanaque no que a autora estaba a traballar, chegaría postumamente no ano 2020 da man do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que recolleu o legado da autora cedido de xeito altruísta pola súa familia.
Compaxinou o seu labor creativo cunha intensa actividade cultural. Colaborou en diferentes xornais e revistas como A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, A Trabe de Ouro, Luzes de Galiza, Tempos Novos, etc. Formou parte da Asociación de Escritores de Lingua Galega e participou nas mobilizacións cidadás contra a catástrofe do Prestige e pola defensa da causa palestina. Mantivo sempre unha posición sensible pero crítica, reflexiva pero contundente, cunha conciencia social enraizada desde a súa infancia que a levou a pronunciarse a prol das persoas máis desfavorecidas. O seu feminismo entronca tamén co seu profundo sentido da xustiza e o seu desexo de contribuír, coa súa achega, a unha sociedade máis igualitaria.
Un ataque de meninxite provocoulle a morte o 6 de marzo de 2004 na mesma cidade onde nacera e tronzou así unha vida ateigada de proxectos. Tiña 46 anos.
A súa é unha poesía doce e profunda, que se asenta no seu constante traballo e no seu talento como filóloga. Sempre á procura da beleza da palabra e da precisión que lle permitiron expresar con claridade o seu elaborado pensamento.
Acabarei por facer do poema a biografia,
atar os dias a xeito de tercetos encadeados
e espetar-lle ao mundo que si, que é posíbel
viver como vive a poesia, voar de aqui a alá
nalgo tan sutil e ao mesmo tempo tan exacto.
Isto é poesia, un ruido provocado.
Non ornamento, arabesco para as pontas dos dedos:
inecesários encaixes para a alma dormir ou sentir
a levedeza da onda cando apenas chega a romper.
Provocación de boca con fame, isto.
E a fame adormece
ou reclama.
Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel
do mundo: un tambor que desperta. A pel estremece-se
porque recoñece a morte que baila fóra da tumba.
Isto é tamén unha muller que resiste