Museo Fernando Blanco de Lema

 



Fernando Blanco de Lema naceu o 18 de Outubro de 1796 en Cee. Antes de cumprires o primeiro ano de vida, o seu pai falece. Críase pois, co seu curmán e padriño Fernando Blanco Giance, cura de San Xoán de Mazaricos. Este titor será asasinado no 1809, durante a Guerra de Independencia Española, a mans das tropas Napoleónicas. A raíz deste suceso, a súa nai decide envialo xunto aos seus dous irmáns varóns a Ferrol.

Con só 13 anos, decide abandonar a cidade e emigrar a Cuba. Alí, comeza a traballar nun ultramariños, pero anos despois emprende un negocio de ferraxería. Abre varias tendas ao longo da illa e consigue facer fortuna.

Tres días antes de falecer, o 3 de abril de 1875, redacta o seu testamento. Nel, fai saber que está solteiro e que non ten fillos. Igualmente, expresa o seu desexo de empregar a súa fortuna (valorada en 750.000 pesos de ouro) na construción e posterior mantemento dun Colexio de Educación Primaria e Secundaria na que era a súa vila natal; Cee. Deste xeito, nace o Instituto e a Fundación Fernando Blanco de Lema.

Consta tamén no documento legal a vontade de levantar o edificio na súa antiga vivenda. Pese a isto, os fideicomisarios atopan tantos impedimentos pola escaseza de chan que deciden erixir o Instituto aos pés da Armada. Non obstante, conseguen anexionar territorios limítrofes ao solar da casa natal do filántropo ceense para construír, nos anos 1887 e 1888, unha pequena escola na que estudarían os rapaces até os 7 anos e as rapazas até os 14. Este centro recibiu por aquel entón o nome de “Escola Das Nenas” (designación empregada aínda a día de hoxe por parte da poboación local).

No ano 2001, o edificio pasa albergar o Museo da Fundación de Fernando Blanco de Lema. Case a totalidade de dúas plantas se destinan a unha exposición fixa de patrimonio histórico-científico formado polo instrumental empregado nas antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee.



HORARIO DO MUSEO:

De Martes a Sábado:

    • Mañás: de 10:00h a 13:00h.
    • Tardes: de 17:00h a 19:00h.

Domingos, luns e festivos: pechado.


CONTACTO:

Télefono: 981747221

Mail: fundacioncee@hotmail.com

Web oficial: Fundación Fernando Blanco de Lema (museofernandoblanco.org)


UBICACIÓN:

Praza da Constitución, 25, 15270, Cee (A Coruña)


 

TurismoCee