Ao carón do Océano Atlántico e moi preto da Fin da Terra dos romanos, atópase a Vila de Cee, centro neurálxico de servizos na Costa da Morte. Situada a 94 quilómetros da cidade de A Coruña e a 74 de Santiago de Compostela, Cee converteuse nun enclave de referencia na zona centro-oeste da provincia coruñesa.
O territorio do Concello de Cee asómase ao mar por tres fragmentos de costa: a ría de Lires no noroeste, a praia de Estorde na enseada fisterrá e, desde o mesmo Cee ata a enseada de O Ézaro.
Cee é un punto esencial no Camiño de Santiago a Fisterra xa que, pertencendo ao último tramo do mesmo, ofrece a entrada ao mar ao peregrino. Desde o Alto de San Pedro Mártir, na parroquia de Pereiriña, os camiñantes divisan por primeira vez o mar dende a súa partida da Catedral.
O municipio ten unha superficie de 54,2 km nos que viven case 8.000 habitantes, distribuídos en seis parroquias: A Ameixenda, Brens, Cee, Lires, A Pereiriña e Toba.
Na actualidade, Cee ofrece a tranquilidade e as comodidades dunha vila acompañadas dos servizos de calquera cidade. O núcleo urbano ceense vén experimentando nas últimas décadas un crecemento moi importante no referente á dotación de servizos públicos. Se, nun principio, foi o aspecto educativo, coa construción de colexios de ensino primario e secundario, o impulsor do crecemento da vila, nos anos oitenta e noventa, serían as melloras obradas na sanidade e administración as que continuarían o proceso. Agora, o mundo da cultura e do ocio, cunha serie de importantes infraestruturas, son os responsables da culminación da urbanización dun novo Cee, que ofrece aos seus veciños e visitantes múltiples alternativas nos eidos sanitario, comercial, educativo, cultural e de lecer.
Benvidos a Cee… ¡pasen e vexan!