O arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade, nace no ano 1639 na vila de Santa María da Xunqueira (actual Cee). Por desgraza, os documentos parroquiais non nos permiten coñecer a data exacta de nacemento.
No 1654, con 15 anos, Andrade comeza a carreira de Artes. Estudos que non completará, xa que ao ano seguinte se matricula en Cánones.
No 1660, decide mudarse a Santiago e, a mediados dese mesmo ano, cae enfermo e ten que ingresar ata o 1661 no Hospital Real. Tras este episodio, crea unha familia numerosa e comeza a traballar nos obradoiros artísticos da catedral baixo o mando do coengo José de Vega e Verdugo. Colaborando así, na construción do Tabernáculo da capela maior. Continúa a súa carreira coa construción do Camarín do Prebisterio, lugar ao que acuden os fieis para apertar ao apóstol Santiago.
Máis tarde, no 1672, é nomeado Aparellador Maior da Catedral, quedando exento de pagar impostos. Tras a morte do seu antecesor Peña de Toro, álzase co título de Mestre Maior da catedral, tanto de carpintería como de cantería. É nesta época, entre 1676 e 1680 concretamente, cando realiza unha das súas obras cume; a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, tamén coñecida como o faro que guía aos peregrinos.
Na preparación para a súa morte, pide ser enterrado na capela da Concepción, na Catedral. Prepara a súa propia tumba, que contén o gravado de unha caveira con dous ósos cruzados. Demandaba no seu testamento, que se engadise o seu nome e data de falecemento. Esta última petición non se cumpriu até que A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu colocar unha placa conmemorativa en abril de 2021.
A súa obra é moi extensa. Moitos puntos de Galicia contan co privilexio de poder gozar da súa arte. A antiga Igrexa de Cee contaba con dous retablos feitos polo arquitecto. Lamentablemente, arderon no incendio do 13 de abril de 1809 que provocaron as tropas napoleónicas.
Ao carón do edificio do Concello de Cee, existe un monumento na súa memoria.