Miradoiro de Gures

 



Se deixamos a estrada AC-550 Cee-Ribeira no ramal que leva a Caneliñas, chegaremos a unha bifurcación; á dereita accédese a Caneliñas pero se seguimos pola esquerda chegaremos a este espectacular miradoiro desde o que se pode ver Fisterra, a enseada do Ézaro, o monte Pindo, as illas Lobeiras e a ría de Cee e Corcubión.

Conta tamén cunha fonte e unhas mesas con bancos onde parar a contemplar a inmensidade do océano. Algunhas veces, algún golfiño decide deleitar aos visitantes facendo acto de presencia.

Este emprazamento é o escenario perfecto para ver como o sol se funde e desaparece detrás do mar e da costa. Así mesmo, permítenos vivir a experiencia de apreciar un dos ceos estrelados máis claros e espectaculares da contorna.