Verán Cultural 2017

Facebooktwittergoogle_plusmail

O Verán Cultural 2017 en Cee ven acompañado de teatro, festas, música, baile, exhibicións, maxia, clown… ¡Atrévete a descubrilo!

Esta mañá o Concello de Cee presentou en rolda de prensa as actividades que se ofrecerán no Verán Cultural 2017 da Vila. No acto estiveron presentes o alcalde, Ramón Vigo, a concelleira de Cultura, Deporte e Tempo Libre, Camola Díaz, e o técnico de cultura local, Víctor Castiñeira.

O concerto de bandas do VII Memorial Manuel Rebollar que se celebrará o sábado, 5 de agosto ás19:30h, suporá o punto de partida dun Verán Cultural marcado por poñer o acento na propia cultura ceense. Nel participarán as Bandas Unión Musical de Valladares, a Banda de Música de Salceda de Caselas e a Banda de Música de Cee. Será na Praza da Constitución ás 19:30h.

 

Ao día seguinte, o domingo 6, terá lugar o Certame de Habaneras no que participarán as Corais Costa da Morte, Airiños de Quenxe e Culleredo. O Auditorio Baldomero será o lugar elexido, ás 21h.

 

A Semana das Asociacións marcará ese carácter ceense con que se pretende dar máis espazo aos grupos locais este verán. A partires do luns, 7 de agosto, e ata o sábado 12, diferentes asociación da vila tomarán o testigo para presentar en sociedade o traballo acumulado durante todo o ano. Exhibición de Taekwondo, gaitas, bailes rexionais, teatro, bailes de salón… Un menú variado para disfrutar vendo aos veciños e que pretende estimular a participación nas asociación da vila.

A partires dese día 12, como todos sabemos, serán as Festas da Xunqueira as que toman o relevo. Rosana, Trogloditas, Fogos Artificiais, Black, orquestras, atraccións, actos relixiosos… A tradición reinará ata o día 16 nas rúas de Cee.

 

Á EsCEEna: do 18 ao 24 de agosto

O prato forte do Verán Cultural 2017 chegará, coma sempre, da man do teatro co II Semana do Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee. Este ano, “Á EsCEEna” estará composta por un cartel de verdadeiro luxo que todo amante do bo teatro saberá apreciar: “O Tolleito de Inishmaan” de Contraproduccións e dirixida por Cándido Pazó, “O Furancho” de Ibuprofeno Teatro, “Terapia de bar” de O Aturuxo de Melpómene, “Menú da noite” con Luis Davila e Carlos Blanco, “O caso é ter saúde” de Malasombra Produccións, a archipremiada “Eroski Paraíso” de Chévere e, como non podía ser doutra forma, “Foucellas” de Talía Teatro. En palabras do alcalde: “Un programa moi apetecible que xunta un gran elenco de actores e directores de primeira calidade”. Ramón Vigo tamén quixo felicitar polo bo traballo ao departamento de cultura resaltando que este é “o mellor programa dos últimos anos”.

Á EsCEEna conta co apoio, coma outros anos, da Rede Galega de Teatros e Auditorios, da Deputación da Coruña e de Ferroatlántica que fan posible traer a Cee teatro de primeiro nivel tanto autonómico coma nacional.

As entradas serán de 7€ en taquilla (5€ especial) ou 5€ (3€ especial) segundo a obra. Os abonos estarán disponibles por 30€ polas 7 funcións para o público xeral e 20€ para o especial (pensionistas, estudantes e desempregados).

 

Cultura no Camiño 2017

Para rematar, a tradicional animación da rúa na Praza da Constitución terá lugar do 27 ao 31 de agosto. A colaboración do Concello de Cee e o programa Cultura no Camiño 2017 fará posible encher a Alameda ceense de acrobacias, clown, maxia, malabares, teatro e ilusións ópticas. Será as 20:30h, excepto o día 31 que comezará a partires das 18h.

Deixa un comentario